Lembranza do Doutor Moreira Casal

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

A súa imaxe dacabalo de «Lucero», percorrendo as aldeas, forma parte da memoria colectiva dos vilagarciáns. Chamábanlle o médico dos pobres. Era iso e moito máis

19 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestes tempos nos que o exercicio da medicina solidaria procúrase en afastadas latitudes, normalmente a través de ONG, costa pensar que hai apenas unhas décadas o Terceiro Mundo estaba ao cabo da rúa, á volta da esquina, que o Terceiro Mundo eramos nós. Sen máis servizos sociais públicos que a beneficencia que se facía cargo dunha lista oficial de pobres, actualizada de cando en vez polo Concello, houbo homes que fixeron da súa profesión unha especie de sacerdocio, no mellor senso do termo. Xosé Antonio Moreira Casal foi un deles. Montado en Lucero , o seu cabalo, percorría as aldeas de Vilagarcía atendendo os veciños. Cando o que vía era pura miseria, non era estraño que deixase escorregar unha peseta de prata por baixo da almofada do doente. Dende a corporación municipal, da que formou parte como concelleiro do Partido Galeguista, loitou sempre polo recoñecemento dos que menos tiñan, renunciando mesmo a cobrar os cartos que por dereito lle correspondían en troques de que lle permitisen expender receitas a quen non podía pagalas. Era o médico dos pobres, pero tamén moito máis.

Moreira Casal naceu o 10 de decembro de 1899 na casa dos seus pais, Manuel Moreira Escariz, perito agrícola e administrador do pazo da Golpilleira, e Ignacia Casal Soto, que aínda sendo oriúndos de Moraña, habitaban unha vivenda na Torre. Estudou Medicina en Santiago e Sevilla, obtendo a licenciatura en Medicina e Cirurxía en xuño de 1923 para, de contado, especializarse en Obstetricia na Universidade de Madrid, na que fixo o doutoramento. Un ano despois, exercía xa como médico libre en Vilagarcía.

Xentes que aínda viven poden dar fe do seu xeito de profesar a medicina, acudindo á hora que fose a calquera aviso, día ou noite, sen importar que quen chamaba por el puidese ou non pagar polos seus servizos. Esta preocupación constante estendeuna ao seu labor político. Membro da comisión xestora municipal logo da proclamación da Segunda República, foi concelleiro polo PG ata agosto de 1934. As actas das sesións daquel tempo falan por si mesmas. En xuño de 1931 advirte de que o listado oficial de pobres, imprescindible para recibir asistencia médica e farmacéutica gratuíta, debe ser ampliado. En maio de 1932 consigue aprobar unha moción para crear unha segunda praza de practicante en Vilagarcía, a fin de completar a deficiente cobertura sanitaria. En decembro do mesmo ano logra que o Concello lle faculte para estender receitas mesmo naqueles casos nos que os enfermos non figuren na Beneficencia municipal. Para facelo posible, renuncia a percibir indemnización ou cantidade económica de ningunha clase. A corporación recoñece o seu altruísmo.

Contratado polo Concello como médico tocólogo en agosto de 1934, foi obxecto dunha multitudinaria homenaxe en 1935. El Pueblo Gallego do 23 de decembro fala de que «millares de pesonas invadían las inmediaciones del Salón Royalty, donde iba a celebrarse esta prueba de admiración, y al darse cuenta de la presencia del médico comenzaron a vitorearlo». Castelao, que participou no acto, ben puido mudar aquela súa confesión, chea de ácida retranca, de que non exercía a medicina por amor á humanidade. Había quen si dignificaba a profesión.

Entón estoupou a peste da Guerra Civil. Moreira tivo que se trasladar a Teruel e traballar na clínica dun seu irmán. Aos poucos déronlle praza en Perales, Peralejos e Alfambre para, ao cabo, ser militarizado e atender, entre outros, os feridos da batalla do Ebro. En 1942 retornou a Vilagarcía, enfermo, e instalouse nunha casa na avenida Rosalía de Castro, onde seguiu traballando ata a súa morte, o 14 de marzo de 1944. Moi mal visto pola Ditadura fascista, non puido haber mellor mostra de dor e agarimo que o multitudinario acompañamento do seu cadaleito, levado a ombros dende a súa vivenda ata o cemiterio municipal de Rubiáns. En 1978 unha subscrición popular sufragou o busto que, restaurado no 2006, pode verse hoxe ao comezo da rúa na que viviu e á que dá nome. Aló está aínda, labrada a súa imaxe nunha placa, dacabalo para sempre de Lucero .