A directiva do Céltiga convoca eleccións tras esgotar mandato

La Voz

AROUSA

06 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Co mazazo do descenso á Preferente aínda ben fresco, os socios do Céltiga veñen de ser convocados pola directiva que preside Manuel Dios, Martiñán , á asemblea xeral ordinaria do club. Unha xuntanza que se celebrará no salón de actos do consistorio illense este sábado, ás oito da tarde.

Na orde do día, ademais dos habituais balances deportivo e económico da tempada, os responsables da entidade convocarán eleccións á directiva. E non porque decidisen abandonar os seus cargos, senón porque se cumpren os seus catro anos de mandato.

Preguntado onte por se presentará a súa candidatura á reelección, Martiñán contestaba dicindo que «esa é a pregunta do millón», dando pé así a pensar na súa continuidade.

Nembargante, o aínda presidente do Céltiga manifestou o seu desexo por que «aparecera alguén que collese o club» logo de doce anos formando parte de diferentes directivas, os últimos catro como máximo responsable do club e os catro anteriores en calidade de vicepresidente.

Os socios do Céltiga serán convocados a unha segunda asemblea o 15 de maio, na que se procederá á elección do novo presidente.