Mes e medio despois, o Establecimientos Otero Xuventude cítase de novo coa súa afección no Pavillón do Pombal en partido de Liga EBA. A partir das seis e media da tarde o conxunto adestrado polo vilagarcián Diego Doval recibe o Universidad de Burgos, sétimo clasificado no grupo de nove equipos condenados a disputar unha descafeinada fase de permanencia.
Coa categoría asegurada practicamente desde a conclusión da fase regular da Liga, o Xuven márcase no escaso mes de competición que lle resta por diante o reto de gañar os partidos que lle quedan no pavillón do Pombal. No día de hoxe iso pasa por dobregar a un adversario co que caeu o pasado 21 de febreiro por un axustado 66-63.
Doval lembraba onte que entón o cadro cambadés tivera que xogar sen o grego Sinnis e con Bowie moi mermado por uns problemas gástricos. Hoxe o que non pode xogar é Hugo, cunha fascite prantar.
Respecto ao contrincante de turno, o técnico do Establecimientos Otero salienta o poderío do seu xogo interior. Sobre todo o do seu cinco titular, Óscar Ruíz, un xogador con moita forza no rebote de ataque e que se manexa con moita soltura no poste baixo.