Bea inicia na Illa unha rolda de visitas aos clubs galegos de piragüismo para coñecer as súas carencias materiais

La Voz

AROUSA

25 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, o grovense Fredi Bea, desprazaráse esta tarde ás cinco á sede do Club de Piragüismo Illa de Arousa a fin de coñecer de primeira man as deficiencias que padece en materia de instalacións.

Será esta a primeira dunha serie de visitas ao conxunto dos clubs galegos. Unha iniciativa que nace, explicaba onte o propio Bea, «logo de ter recibido numerosas queixas por parte dos presidentes dos clubs de piragüismo de Galicia» a nivel de instalacións.

O obxectivo da rolda de contactos directos coas sociedades deportivas é, explican desde a Federación Galega de Piragüismo, reunir toda a información posible para posteriormente elaborar un informe detallado coas carencias en infraestruturas dos clubs coa intención de buscar liñas de axuda económica na administración pública.

A esta recordarálle o presidente federativo «o peso que ten o piragüismo a nivel autonómico e nacional tanto na súa práctica como nos éxitos acadados». E para mostra, un botón. O Campionato de España de Inverno disputado a pasada fin de semana en Sevilla, onde, como lembraba onte Fredi Bea, «os piragüistas galegos estiveron presentes na maioría dos podios».