Mulleres sabias

Carmen Durán Martínez

AROUSA

23 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

M

ulleres dun tempo sin tempo horario, que non contaron o tempo do seu traballo, mulleres que fixeron todo tipo de traballos, mulleres comprometidas co traballo en todo o tempo, en todo o mundo. Sempre, ao largo do tempo, as mulleres traballaron; algunhas tomaron conciencia da súa realidade e buscaron respostas propias para mellorar e dignificar a súa vida, a súa historia e a de outras mulleres e homes.

Mulleres dun tempo de silencio, que viven aquí e agora e teñen máis de 70 anos; son esas mulleres que, atentas ao que vivían e sentían, descobren a importancia de ser unha mesma, de ser autónomas, a importancia do traballo honrado e sobre todo, o importante que é saber para ser algo; ese algo que se refire a ser máis educado, saber estar, ser mellor persoa, a poder ter mellor traballo... o que hoxe decimos calidade de vida.

Mulleres que coñezo, valoro, quero e quero agradecer o que delas aprendín e aprendo. Fan memoria e cóntanme. Unha é Maruja Baúlo González. Esta muller de Corbillón ten 85 anos. Da súa infancia recorda cando con 3 anos volve a casa do seu avó; criáraa unha veciña, xa que a súa nai morrera ao nacer ela, e do pai non sabe ata que lle contan de maior. Con 5 anos empeza a coidar meniños nas casas dos seus tíos. «Naquel tempo -conta-, íase pouco á escola, eu coñecía algo as letras e apenas sabía coller o lapis; como tiña que faltar bastante para coidar os meniños, xa non me gustaba ir. Ia ao mar co meu tío, con 7 anos xa sabía remar, levaba eu a gamela para escoller as ameixas e traelas a terra; iso foi o primeiro que aprendín do mar, fixen máis cousas e tamén aprendín a traballar na terra e a vender os povolos (patacas, leituga, tomates, etc) no mercado en Cambados, que era na praza de Fefiñáns, e máis tarde na praza da Fonte. Aínda que non sabía moito de contas -segue a dicir- non me engañaban, eu sempre me defendín. Ler e escribir, case nada. Cando tiña eu 11 anos a unha veciña escribiulle o fillo que estaba na guerra; ela non sabía ler nin escribir, veu a nosa casa e pediume que lle contestara eu. Fixeime nas letras que coñecía e copiando as da carta contesteille, e entendeume, que contestou. Despois xa seguín e así foi como aprendín a ler e escribir».

O matrimonio e os fillos

Maruja recorda da xuventude, o traballo dende a mañá a noite, no mar e na terra. Axudábanse os veciños, e tamén ten ido ao xornal. Seguía na casa dos seus tíos aínda que aspiraba a ter algo de seu e saberse querida. Aos 23 anos casou cun veciño moi bo, falaban moito do que querían facer. Maruja era amiga de empeñarse para ter algo; os dous sabían o que había. «Era moi bonito falar os dous e acordar os dous o que facer», recorda. Fixeron unha casa, tiveron tres fillos porque querían «que se prepararan ben». Mandáronos a escola de pago, pero non estudiaron. Quedou viúva pronto e con moitas dificultades saca os seus fillos adiante.

A Maruja gústalle que a xente estudie, porque se para os que saben non hai, para os outros xa non hai nada. Que a xente sexa educada, agradecida, respetuosa e que boten contas, que non gasten sen rumbo, nin conten co dos demais, que vaian pouco a pouco, e así llelo di os seus netos e bisnetos aínda que «eu non me quero meter en nada», pero non deixa de recomendarlle as netas que teñan de seu.

Esta é a vida dunha muller moi traballadora e agradecida; aos seus tíos que a enseñaron e á xente que lle axudou. Unha vida que transcorre en Corbillón, con saídas a Pontevedra ou a Santiago unicamente para ir ao médico, a Vilagarcia ao mercado, e por enfermidade tamén foi a Madrid. Dende que se xubilou fixo algunha excursión a Portugal, a Valencia ou a Benidorm, e gustoulle moito a experiencia. Vive sola na súa casa, segue activa e en harmonía cos seus fillos e netos, pasea e visita ás amigas. Cando lle pregunto quen lle enseñou tanto, responde: «Miña filla, enseñoume o mundo e a necesidade». Toda unha vida chea.