Bea defende a independencia do Xuíz Único da Federación Galega de Piragüismo no expediente contra Tono Campos
AROUSA
O presidente da Federación Galega de Piragüismo (FGP), Fredi Bea, respostou onte á denuncia pública do presidente do Piragüismo OGrobe, Filipe Besada, que o mércores acusou o primeiro de estar detrás do expediente aberto contra o grovense Tono Campos e outros nove palistas máis de catro clubs por «falsificación de datos en la licencia de competición». Un expediente aberto polo Xuíz Único da FGP ao observarse que a pasada tempada os presuntos infractores do regulamento tramitaron licenza estatal cando xa tiñan unha autonómica.
Fredi Bea negou responsabilidade ningunha no asunto máis aló da súa pertenza á xunta directiva da Federación, que foi a que, explica, colectivamente «tiña dúbidas da legalidade desta dualidade de licenzas e trasladoulle o caso ao Xuíz Único». E, defende o presidente federativo, «a directiva non interfire no traballo do Xuíz Único» nun caso que foi posto ademais en coñecemento da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP).
Bea quixo diferenciar claramente o cambio profundo que se tería vivido no seo da FGP tras a súa chegada á presidencia da mesma. «Se antes o presidente -polo seu antecesor- mangoneaba todo, agora cada órgano da Federación é independente».
Como proba do que di, Fredi Bea sinala que entre os dez afectados polo expediente incoado figura un palista das Torres-Romaría Vikinga, club cun representante na xunta directiva do ente federativo, e que antes de rematar nas filas do club catoirense tería militado na mesma tempada 2009 no Piragüismo OGrobe.
Preguntado polo estado do expediente nestes momentos, Bea di que se atopa no período de alegacións, pero que nin sequera sabe cando remata este.
Tras subliñar que o fallo depende tan só do Xuíz Único, Bea opina que «hai xurisprudencia de abondo para saber que, como mínimo, esta duplicidade de licenzas non é normal». E relata que «en novembro do 2008, na Toxa, na reunión de presidentes autonómicos previa á Asemblea da Federación Española de Piragüismo informouse aos presentes de que no 2009 non podería haber duplicidade de licenzas. E nesa reunión estaba Filipe Besada como presidente da Federación de Navarra».
Posible expediente a Teijeiro
Á espera do que decida o Xuíz Único, o presidente da FGP explica que, en todo caso, «haberá que ver se a culpa da duplicidade de licenzas foi dos palistas ou dos clubs. Ademais, pensa que o seu antecesor na presidencia, Modesto Teijeiro, podería ter tamén responsabilidade no caso e podería ser expedientado.