Carta a Óscar Miniño.
O pasado domingo o señor Miniño contestaba neste medio a unha nota do BNG de Ribadumia sobre as adxudicacións de obras, recoméndandolle limpeza e mencionaba o caso, sen nome, dun militante que traballou na festa do marisco, así que acúsome de ser o que cometeu o delito . Por se alguén pensa mal, gustaríame aclarar tres cuestións sobre esta labor:
1º. Son empregado do Concello do Grove dende hai quince anos, donde entrei tras pasar un proceso selectivo, non por enchufe, como outras persoas que coñecemos na Deputación; e como outros moitos empregados do Concello, arrimamos o ombreiro para conseguir que a mellor festa gastronómica da comarca sexa un éxito.
2º. No meu caso concreto solicitáronme que colaborase no control da recaudación durante as dúas fins de semana da festa, labor que só podían facer empregados do concello, como é lóxico. Teño que dicir que lle estou agradecido á persoa que confiou en min para tal labor.
3º. Por se cree que me fixen rico, está autorizado a consultar a nómina de decembro (eu non cobro en negro) para comprobar como por traballar dez horas ao día de venres a domingo os dous fin de semana percibín a cantidade de 300 euros, que non me viñeron nada mal para pagar un prazo da hipoteca.
Esa é a realidade, traballo para pagar a hipoteca. Claro que ao mellor non tería que facelo se me beneficiara de contratos feitos sen publicidade , ou se montara unha adega con fondos públicos e logo lla vendera a un banco, ou se me desen axudas para montar un negocio.
Esa é a diferenza, mentres eu traballo seis días por 300 euros, a vostede concédenlle unha subvención de máis de 50.000 euros para acondicionar un local para exaltación dos produtos da horta e do viño (axuda totalmente legal, por suposto, se eu quixese montar o mesmo local seguro que tamén ma darían, pero xa ve que todos recibimos dos impostos de todos).
Por outra parte, si que lle dou a razón no de que, como empresario, ten que buscar traballo onde lle sexa posible, eu mesmo botei a favor de adxudicacións á súa empresa cando era a mellor oferta. O problema son os xestores que utilizan procedementos trucados e sen publicidade para que finalmente as adxudicatarias sexan sempre as mesmas. Tamén comprobei isto na miña etapa en Ribadumia (sede dos bombeiros, auditorio, guardería, centros sociais de Lois e Couto de Arriba, piscina municipal, pabellón de Sisán, non sigo, ¿verdade?).
Pero xa digo, eu faría o mesmo, o problema é quen o consinte. O que xa me extraña é que coñecendo e facendo uso destes procedementos, sexa vostede o adalid da xustiza no Grove.
Á súa disposición. Ramón Mouriño.
Posdata: O que me fixo moita gracia foi ver a J.J. Durán, vice da Deputación, segundo do PP en Pontevedra, segundo do alcalde en Vilanova, ... acusar ao BNG de ser segundón. Vai ser verdade o dito «piensa el ladrón». Sigue así, Luciano, que parece que lles doe.