«Ás veces resulta incrible o rápido que aprenden os máis pequenos»

Rosa A. Gallardo

AROUSA

Diplomada en Educación Infantil, Libia Fernández decidiu aproveitar a súa formación e o seu espírito emprendedor para poñer en funcionamento o parque infantil Trasnadas en Muros.

-¿Como funciona Trasnadas?

-Pola mañá veñen nenos de un a tres anos a modo de gardería. Aquí aprenden as cores, os números, os días da semana e outras cousas nas diferentes linguas. Polas tardes veñen nenos a xogar por horas e organízanse as festas de aniversario, tanto pola semana coma o fin de semana. -¿Cal é a actividade preferida dos cativos? -Á maioría encántalles saltar na cama elástica, pero fan de todo, desde crebacabezas ata xogos de construción. Logo, dependendo da época, fanse diferentes actividades artísticas. Agora, por exemplo, toca pintar as caretas do entroido. -¿Como se decidiu a montar este negocio? -Ao rematar os estudos de Educación Infantil empecei a traballar en garderías. Estiven así dous anos e alí foi onde collín a suficiente experiencia para decidirme a montar o parque infantil Trasnadas. -¿Cal é a parte que prefire do seu traballo? -O certo é que me gusta todo, pero se teño que subliñar algo, quédome con eses momentos nos que lles ensino os primeiro conceptos aos nenos. Ás veces resulta incrible o rápido que aprenden os máis pequenos.