Mañá e pasado a parroquia vilagarciá de Rubiáns celebra a segunda edición da Feira-Exposición da Camelia, coa que pretende recordar que os primeiros exemplares que desta flor chegaron á comarca proviñan dunha doazón do duque de Caminha, en Portugal, ao marquesado de Rubiáns.
-¿Teñen xa todo preparado para o fin de semana?
-Pechado de todo non, porque non se pode pechar o tema ata o momento da exposición. Aínda que pedimos que nos avisen, algúns expositores fano a última hora e hai que estar preparados para buscarlles sitio.
-¿Saben cantos expositores van vir?
-Confirmados de fóra de Vilagarcía temos 16, sobre todo da zona de Vigo. De Vilagarcía estamos rozando os cincuenta.
-Polo que vexo hai moita afección á camelia en Vilagarcía.
-En Rubiáns hai moita xente que ten camelias, pero ás veces teslle que insistir para que expoñan. En Vilagarcía tamén hai moita xente que ten tradición de ir a exposicións.
-Sendo Rubiáns tan importante no mundo da camelia, igual habería que potenciar máis esta tradición cara ao exterior.
-Si, neste senso eu creo que vai haber un futuro e eu espero que sexa moi interesante. Pero se iso é así, ímonos ver moi desbordados e moi limitados polo espazo da casa de cultura. Haberá que ver como se fai.