O enterro da sardiña de Vilaxoán trasládase ao sábado para facilitar a participación

La Voz

AROUSA

Outra das citas clásicas do entroido son os enterros da sardiña -ou do que sexa-. En Vilagarcía ese peixe vélase en Carril máis en Vilaxoán, mentres que en Bamio o que se soterra é o arenque. Actos, todos eles, que congregan un bo número de veciños, pero tamén de visitantes que se achegan a vivir a espectacularidade destas peculiares festas tan características do carnaval, sobre todo nas vilas mariñeiras.

Este ano os colectivos de Vilaxoán decidiron cambiar a data, e non enterrarán a sardiña o mércores, como era habitual, senón o sábado. Este troco de datas obedece ao desexo de que a participación poida ser maior, posto que o mércores é un día laborable e o xoves tamén o é.

Polo tanto, os vilaxoaneses e quen decida sumarse ao seu enterro teñen unha cita na lonxa na tarde do día 20 para facer o velorio da sardiña, que sairá ás sete da tarde para percorrer a localidade.

En Carril, sen embargo, seguen fieis ao mércores como data de celebración do enterro da sardiña. Ás sete da tarde sae o seu féretro do Gato Negro para recorrer as principais rúas da vila carrilexa. Pero xa antes quen queira presentarlle os respectos ao seu cadaleito pode achegarse á sé do Gato Negro, lugar elixido para que a xente de Carril lle dea o seu último adeus á súa querida sardiña.

En Bamio enterrarán ao arenke -así, con k, lle chaman eles- tamén o sábado día 20 para pechar os actos de carnaval. As cinco da tarde é a hora fixada para que comecen os actos nesta parroquia vilagarciá.