Vilagarcía deseña as súas máscaras

AROUSA

Concello e asociacións traballan na preparación dun entroido que pretenden que sexa máis multitudinario ca nunca

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xa non queda case nada para que chegue o entroido, pero a Vilagarcía non a pillará co pé mudado. No municipio xa está case todo preparado para iniciar a festa máis irreverente do ano. O Concello e as asociacións fixeron o seu traballo para que dentro dunha semana os disfraces tomen as rúas da capital arousá.

Este ano volverá organizarse o Sábado do inglés e chegará outra proposta de nova creación para o sábado de piñata, que consistirá nun festival de música pensado para a xente nova.

Pero as innovacións non excluirán as citas máis clásicas no calendario do entroido. A primeira chegará o día 14 co festival de comparsas, no que non haberá competición, senón só espectáculo. O concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, prometía onte «unha coidada posta en escena» e unha sucesión de dez comparsas, «nin máis nin menos», catro delas de Vilagarcía e seis do resto da comarca. Todas as agrupacións participantes, que deben estar integradas por un mínimo de 25 persoas, recibirán unha compensación económica de 300 euros.

A programación continuará o luns cunha xornada dedicada aos máis pequenos. Esta festa infantil celebrarase na Peixería a partir das cinco da tarde, e foi preparada pola concelleira de Xuventude. Haberá música, obradoiros de entroido e de globoflexia e larpeiradas.

A xornada grande do carnaval vilagarcián será, con todo, a do martes. Ás cinco da tarde comezará o desfile de disfraces e carrozas, que neste caso si ten unha vertente competitiva.

Este ano haberá unha innovación, que consistirá en que a participación en parellas unirase á categoría individual, debido a que en edicións anteriores a participación de dúos era moi frouxa. Haberá, polo tanto, dous niveis, un de adultos para quen teña máis de catorce anos, e outro infantil, ata os catorce. Dentro de cada un deles haberá premios para grupos e outros para individuais e parellas.

O percorrido do desfile aínda non está totalmente decidido, aínda que o paso pola rúa Rey Daviña está descartado.

Despois de que a comitiva de carnaval acabe de amosarse convenientemente polas rúas, a festa trasladarase á praza da Peixería, onde sobre as sete e media comezará un baile no que se aproveitará para entregar os premios aos mellores disfraces.

O ano pasado competiron 32 grupos de adultos e 18 infantís, o que supuxo unha participación sen precedentes. O Concello espera que este ano se superen incluso esas cifras. Ademais, hai grupos que desfilan pero non entran no concurso, como é o caso dalgunhas comparsas ou de algúns grupos que veñen de lonxe só para exhibirse.

Fóra destes grandes actos, en Bamio e en Vilaxoán haberá festas infantís o domingo 21, e en case todos os centros culturais haberá tamén actividades relacionadas cunha festa con tanta tradición coma o entroido.