Prolingua dase a coñecer coma un proxecto plural e apartidario en Vilagarcía

La Voz

AROUSA

30 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Prolingua preséntase como unha asociación en defensa da lingua, que naceu «nestes momentos tan cruciais» coma un «proxecto plural e apartidario» que pretende rememorar ás Irmandades da Fala. Os integrantes deste novo colectivo entenden que a lingua é un patrimonio común, «o principal patrimonio» e pensan tamén que está en perigo, por iso invitan a reflexionar sobre esa cuestión.

Neste contexto, a plataforma pide que se retire o decreto chamado do plurilingüismo e «que se volva ao consenso do ano 2004». Unha das mensaxes que Prolingua quere defender é que o ensino é fundamental para potenciar a lingua, e por iso cren esencial que os nenos galegos teñan a oportunidade de coñecela para despois decidir se utilizala ou non. Por iso están «de acordo en que mellore o ensino do inglés, pero non a costa do galego».

De tódolos xeitos, aínda que o ensino está abandeirando o debate, cren que tamén é importante abordar a normalización coma un proceso en distintos ámbitos da sociedade.

A presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega o próximo venres será o primeiro acto que organice este novo colectivo. Despois, o seu desexo sería «non ter que facer ningún acto porque o PP lle dese para atrás a ese decreto». Se non é así, haberá outros actos para defender a lingua.