Deixar resolta a permanencia en pleno mes de xaneiro, e disfrutar dunha segunda fase de campionato promocionando pola fase de ascenso. Iso é o que se xogan hoxe o Establecimientos Otero Xuventude e o Basket Xiria no Pavillón do Pombal a partir das seis e media da tarde.
Cos dous equipos empatados a oito vitorias, o gañador do choque adxudicaráse a quinta praza da clasificación do Grupo A-A da Liga EBA, eludindo a fase de permanencia. Con tanto en xogo, a directiva do Xuven mobilizou esta semana os seus recursos para tratar de encher O Pombal, e fichar para o conxunto de Diego Doval un sexto home que poida botar unha man desde a grada. A presenza da charanga comarcal Crazy Cabuxas, dirixida por un ex xogador amarelo, e a colaboración do locutor que anima os partidos ACB do Obradoiro no Multiusos do Sar van nesa liña.
O que semella fóra de dúbida é que o Establecimientos Otero vai precisar hoxe de toda a colaboración que poida recibir. Porque, con permiso dos dous primeiros clasificados, o intratable Feve Oviedo e o Chantada, o Basket Xiria chega a Cambados como o equipo máis en forma do grupo galego da EBA.
Despois dun inicio de campionato horroroso, no que enlazou seis derrotas consecutivas, o cadro de Carballo iniciou unha escalada meteórica, que pegou un acelerón na segunda volta. Superado o ecuador da Liga, o Xiria tan só caeu a mans do Feve Oviedo e do Chantada, impoñéndose nos seus outros seis enfrontamentos. Incluídos os tres últimos.
Neles o rival de turno do Establecimientos Otero contou co seu último reforzo, o aleiro catalán Adolfo Sada, irmán maior do base do plantel ACB do FC Barcelona e un veterán curtido durante moitos anos na Liga LEB. Nas súas tres comparecencias coa camisola de Carballo, Adolfo Sada promediou uns espectaculares 17 puntos, 5,7 rebotes, 6,7 faltas recibidas e 20,3 de valoración.
Sada atópase ademais rodeado no quinteto titular de xogadores con nome e experiencia na Liga EBA. Javi Puñal é o director de xogo do Xiria, que conta con David Llorente no posto de escolta e con Marcos Rozas e Ricki Santos como parella interior. Homes como Diego Seara e Sergio Tomé dotan ademais o cadro visitante dun par de rotacións de calidade.
O adestrador do Xuven, Diego Doval, sinalaba onte que ao Xiria «le gusta jugar un baloncesto controlado y pausado, trabajando las posesiones. Solo corre al contraataque cuando ve un error claro del contrario». Características nacidas da veteranía e da experiencia do groso do plantel carballés, e da envergadura dos seus interiores, que saben explotar moi ben o seu poderío físico baixo o aro.
Evitar a ansiedade
Doval considera fundamental hoxe «controlar cualquier tipo de ansiedad, y jugar con orden. Tenemos que mentalizarnos de que poder meternos en la fase de ascenso es un premio».
A aposta cambadesa pasa por tentar impoñer un ritmo de xogo moi elevado, que lle impida ao Xiria explotar o maior peso dos seus pívots, e que nivele a diferencia na capacidade reboteadora dun e doutro equipo. E é que o Xiria se presenta no Pombal cun promedio de 32 capturas por encontro, media ducia máis co Establecimientos Otero.
O técnico local confía en que o ambiente do pavillón arousán lles sirva de acicate aos seus homes. Doval salienta que «para nosotros esta es la posibilidad de conseguir una buena nota para toda la temporada ya en enero», confiando ademais que a aplastante derrota da semana pasada ante o líder, 105-66, alimente as ganas de facer un bo partido entre os xogadores do Xuventude.