A Asociación de Empresarios da Illa de Arousa fixo onte pública a esponsorización do club de piragüismo local, nun acto celebrado na sede da entidade deportiva. O Club de Piragüismo Illa de Arousa conta deste xeito cun novo apoio para poder manterse un ano máis na elite galega e estatal.
O presidente do colectivo de empresarios, Jorge Dios, explicou que o patrocinio ao Club de Piragüismo Illa de Arousa vén dado por un recente acordo da directiva da súa asociación, que optou por redirixir boa parte do seu paquete de axuda á Fundación Deportiva Municipal entregándoa directamente aos equipos do municipio.
Jorge Dios comentou que «a nosa intención é axudar os clubs, aínda nestes momentos nos que pasamos un momento difícil». Por unha cuestión de interese social, pero tamén lembrando aquilo do hoxe por min e mañá por ti. Porque, sinala o directivo, «os nosos deportistas son moitos deles aogra nenos, pero no futuro serán os clientes do comercio e da empresa local».
Os plans da Asociación de Empresarios da Illa pasan por «rotar cada ano o noso patrocinio entre os clubs do municipio». Este ano, ademais do piragüismo, dous equipos da canteira do Céltiga estánse a beneficiar xa do respaldo económico do colectivo empresarial.
Asimesmo Jorge Dios explicou que este seguirá colaborando coa Fundación Deportiva Municipal, aínda que en menor medida ao destinar parte da súa axuda directamente ás entidades deportivas da localidade.