O Establecimientos Otero non foi rival para un Chantada que xogou en Cambados sen a súa estrela

La Voz

AROUSA

Un dato basta para constatar a diferenza que onte se víu no pavillón cambadés do Pombal entre o equipo anfitrión, o Establecimientos Otero, e o Chantada. Os 14 rebotes capturados polo cadro local nin sequera se aproximaron á metade dos 38 cos que rematou o encontro o equipo visitante, nunha demostración de absoluto dominio.

O Chantada nin sequera precisou do seu xogador estrela, Lolo Castro, que non disputou o partido. A falta de acerto no lanzamento exterior durante o primeiro cuarto mermou a confianza dos homes de Diego Doval, que ao termo dos dez primeiros minutos xa vían o seu contrincante arriba, 10-17.

Co ex Inelga Lois Fernández enorme durante a primera metade, o Chantada rematou de encauzar o choque ao descanso, ao que se chegou con 27-42 no electrónico.

A vantaxe luguesa chegou a elevarse ata os 25 puntos de máxima, no terceiro cuarto. Nun momento de lucidez defensiva, e con Jesús Díaz e Pablo Míguez entonados desde a liña de tres, o Xuven acercouse a 11 a falta de 6 minutos. Pero entón o Chantada dixo basta. A sorpresa finalmente non chegou ao Pombal.