Os afeccionados do Establecimientos Otero Xuventude teñen esta tarde dous bos motivos para acercarse ata o pavillón do Pombal. O equipo local disputa a partir das seis e media o seu derradeiro partido de Liga do 2009. Un aliciente ao que se lle suma a calidade do rival. Enfronte, os homes de Diego Doval teñen hoxe ao segundo mellor conxunto do grupo galego da EBA, o Chantada.
Con só dúas derrotas, o cadro lugués figura na clasificación tan só por debaixo do Feve Oviedo Baloncesto, cun balance de once vitorias en trece partidos. A boa nova para os intereses do Xuven é que o Chantada chega a Cambados en pleno bache.
A semana pasada o rival de turno do Xuven coprotagonizaba a sorpresa da xornada ao caer en cancha propia por 70-81 a mans do Ourense Capital Termal, o equipo que está a disputarse co Establecimientos Otero a quinta e última praza clasificatoria para a fase de promoción de ascenso. Máis aló deste resultado, o Chantada cedera a súa primeira derrota da tempada pouco antes, na décima xornada ante o líder por un humillante 81-50 en Oviedo, e hai quince días sufríu para dobregar ao penúltimo clasificado, o Estudiantes de Lugo, por un elocuente 75-77 final.
Con esta traxectoria recente, o adestrador cambadés manifestaba na véspera do choque a súa esperanza en «ser quen de aproveitarnos do que parece un mal momento do Chantada».
Para Doval a clave do choque estará en boa medida na capacidade dos seus homes para impoñer o ritmo que máis lle convén ao Xuven. Un ritmo alto de xogo fronte a un adversario que prefire xogar en estático, con posesións pausadas nas que lle resulta máis doado explotar a envergadura e a calidade individual do seu potente cinco titular.
Lolo Castro, con experiencia ACB e pasado glorioso na LEB Ouro, dirixe e lidera o Chantada, ao que lle proporciona o segundo mellor rexistro anotador individual do grupo galego da EBA (17,85 puntos por partido) e o terceiro en materia de asistencias (3,85). Alberto Gómez, segundo pasador da Liga (4,38) e o ex Inelga Lois Fernández son os puntais do xogo exterior lucense, que por dentro conta con dúas torres coma Íker Trevijano, cuarto reboteador do campionato (8,92 capturas de promedio, 2,05 metros) e con Manu Sánchez (2,06).
Ademais da baixa de Norman, Doval contaba onte coa dúbida de Juan Mato, por unha amigdalite. O técnico salientaba a importancia dun hipotético triunfo hoxe, xa que «levamos varias semanas sen gañar en casa», co valor engadido de tratarse do derradeiro encontro do 2009.