Os cativos da Illa celebran o Nadal mesturando o deporte con todo tipo de actividades lúdicas

La Voz

AROUSA

18 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os cativos están a piques de alcanzar unha das metas máis esperadas do ano: as vacacións de Nadal. Pensando niso, o Concello da Illa e a Fundación Municipal de Deportes teñen xa preparado un amplo programa de actividades.

Nadal Divertido e Ludonadal son os nomes elixidos polo Concello para os dous programas de actividades deseñados para os rapaces de entre 3 e 7 anos. No Nadal Divertido, os rapaces xogarán con outros nenos da súa idade, traballando aspectos como a mellora do movemento corporal, psicomotricidade... Así como aspectos como a cooperación e o respecto. No Ludonadal, no que non pararán de soar en ningún momento as panxoliñas, os pequenos desenvolverán actividades máis creativas, como a creación dunha árbore xigante de cartón, un belén recortable, a festa de fin de ano ou a carta aos reis magos.

Para que esta festa continua -arranca o día 23 e manterase durante oito mañás ata o 5 de xaneiro-, os nenos organizaránse por grupos de idade. Dese xeito, os máis cativos -de entre 3 e 4 anos- ocuparán o pavillón do colexio Torre entre as 10.30 e as 12.00 horas, para pasar despois ás dependencias da ludoteca. Os nenos de 5 a 7 anos farán exactamente o mesmo, pero ao revés.

Para os rapaces de Primaria, tamén hai actividades organizadas. Trátase do programa Cada día un deporte, onde os rapaces poderán disfrutar durante cada unha das mañás de actividade de probas diferentes ás habituais, como o rugby, o béisbol, o balonmán, os xogos tradicionais... Esta actividade desenvolverase no instituto, de 10.30 a 12.00 horas para os nenos de primeiro a tercerio, e de 12.00 a 13.30 para os de cuarto a sexto. Ademais, todos os rapaces de Primaria poderán participar os días 28 e 29 nunha actividade de orientación urbana onde deberán resolver unha serie de adiviñas e probas relacionadas coa historia da Illa.