Candea, a asociación de ensinantes do Salnés, porá mañá o punto e final aos seus actos de celebración do Ano Cabanillas coa presentación do poemario Berros dende o alén , editado polo propio colectivo. O acto comezará ás oito da tarde no instituto cambadés Francisco Asorey, coa presenza do seu autor, Ramón Romero, alumno do propio centro que aos seus 17 anos vive a satisfacción de ver publicada a súa primeira obra.
-Fálenos de Berros dende o alén...
- Berros dende o alén naceu hai un par de anos, cando me decatei de que cambiara a miña maneira de escribir e os temas que trataba. Eu comecei a escribir arredor dos 12 anos, e a vida fixo que a miña poesía se voltase máis intimista, e ao tempo que enriquecese o meu vocabulario. Son uns 45 poemas, con fotografías miñas intercaladas entre cada oito ou nove poemas, separando as temáticas. En Berros dende o alén trato a miña maneira de pensar.
-¿Algunha influencia?
-Véxome bastante influído pola maneira de escribir de Yolanda Castaño e de Fernán Vello.
-¿Por que a poesía?
-Primeiro tentei escribir prosa, sobre todo ficción, pero víaa carente de sentimento. Probei coa poesía, e decateime de que con ela expresaba mellor o que quería dicir.
-¿Resultoulle difícil atopar editor?
-Eu subira a miña obra a un blog. Un profesor meu do instituto que está metido en Candea falou coa presidenta, e grazas a ela puiden publicar o libro.