Volta a tropezar na mesma pedra

AROUSA

D´´uas semanas despois da súa primeira vitoria fóra da Illa, o Céltiga recuperou en Vilalba a febleza coma visitante que o lastra na Liga

15 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Concluída a decimosexta xornada de Liga, o Céltiga observa a zona de promoción de ascenso 6 puntos por debaixo na clasificación. Unha diferenza perfectamente salvable a pouco que o equipo de Pablo Vázquez consiga equilibrar a súa traxectoria no campionato.

Unha análise superficial dos números do cadro illense é suficiente para atopar a razón de por que un dos mellores planteis da categoría non foi quen aínda de engancharse á loita polos postos de honra. Así, fronte á solidez amosada polo Céltiga nas súas comparecencias no Salvador Otero, que solventou con 16 puntos sumados de 24 posibles, o equipo arousán ofrece unha imaxe moi diferente nos seus desprazamentos. En sete saídas, os homes de Pablo Vázquez tan só deron traído consigo media ducia de puntos, con tres empates, outras tantas derrotas e unha única vitoria.

Esta última chegaba hai dúas semanas. En Verín o Céltiga asinaba o seu primeiro triunfo coma visitante na presente campaña. Un 0-1 que valía 3 puntos, pero sobre todo, que animaba a pensar nas filas illenses nun cambio de liña fóra da casa. Pero nada máis lonxe da realidade.

A derrota o pasado sábado pola mínima a mans do Racing Vilalbés, equipo da zona media-baixa da clasificación, supón un paso atrás para o Céltiga. A excelente actitude defensiva dos de Vázquez, con tan só catro goles en contra nos seus sete desprazamentos, segue anulada pola falta de pegada arousá, plasmada no solitario tanto a favor que leva o equipo insular fóra da casa.

Sexto mellor equipo local da Liga, o Céltiga presenta pola contra tan só o decimoterceiro rexistro na táboa de puntos colleitados coma conxunto visitante. Unha relación que contrasta co equilibrio que manteñen os sete primeiros clasificados da Terceira á hora de engordar os seus respectivos casilleiros de puntos.

Todos eles presentan algún dos nove mellores rexistros nas táboas de puntuación coma locais e coma visitantes, salientando os tres equipos que encabezan o campionato: Deportivo B (4º mellor balance coma anfitrión e primeiro fóra da casa), Cerceda (2º e 4º), e Coruxo (5º e 2º). Este é o camiño que deberá seguir o Céltiga se pretende dar o salto á zona nobre da Liga.