«Loitei duro polo que considero xusto, porque eu creo na xustiza»

AROUSA

Quere deixar atrás nove anos de polémicas, por iso di que parte de cero na súa andaina como responsable policial. Iso si, chega a Cambados cargado de ilusión

01 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ten 42 anos e leva 22 prestando servizos como policía local en Ourense, onde viviu toda a súa vida. Aínda que hai unha década nada o vencellaba a Cambados, todos na vila saben ben quen é Maxi, que un día se presentou ás oposicións para sarxento da Policía Local e que loitou nos xulgados sen descanso ata que acadou a praza que sempre pensou que lle correspondía. O culebrón durou tanto que agora, a piques de tomar posesión do cargo, Diz Ferro xa non quere falar máis do pasado. Borrón e conta nova.

-Os xulgados sempre lle deron a razón. É de supoñer que vostede crerá na xustiza.

-Eu loitei duro polo que considero xusto, e claro que creo na xustiza, todos os cidadáns debemos confiar na xustiza.

-¿E que foi o que lle dou forzas para enfrontarse unha e outra vez ao Concello?

-A paciencia e os valores que teño interiorizados e nos que creo e que agora vou tratar de transmitir: a tolerancia, a solidaridade, o respecto... Son valores que todos deberían ter interiorizados, e máis nun servizo público como a Policía Local.

-Aínda ven de pedir a excedencia en Ourense. ¿Que sabe das funcións que lle esperan en Cambados?

-A verdade é que parto de cero en todos os aspectos, porque aínda descoñezo o tecido social de Cambados, pero o fago con moita ilusión e coa intención de contribuír a aumentar a calidade dun servizo público, que iso é o que é a Policía Local.

-¿Coñece á plantilla?

-Á gran maioría non os coñezo, pero como fixen sempre, poñerei en práctica a arte de saber escoitar. Escoitarei aos compañeiros, aos veciños, aos empresarios, aos representantes das asociacións... E aprenderei deles.

-Con algún deles tivo un conflito hai anos, cando denunciou que se filtraran os contidos dunha proba da oposición.

-Eu non acusei a ninguén, o que pedín foi que se investigara se houbera algunha filtración do exame. Pero iso xa está superado. Eu hoxe -por onte- vin a Cambados para falar co alcalde en clave de futuro.

-Logo de 22 anos en Ourense, ¿costoulle despedirse dos seus compañeiros?

-Recoñezo que é unha situación agridulce, porque estou contento pola miña mellora profesional pero deixo alí compañeiros aos que lle teño un gran aprecio. Foron anos moi interesantes nos que tiven a oportunidade de estar na rúa para coñecer aos cidadáns, a xentes de diferentes culturas, traballei cos discapacitados, con asociacións culturais e veciñais... Estou nunha oenexé que traballa con inmigrantes, con discapacitados, con xitanos... Unha vez fixen un curso de linguaxe de signos, e o ano pasado tiven que socorrer a unha persoa xorda nun accidente de tráfico. Fun quen de comunicarme con ela e iso foi unha experiencia moi interesante. Iso é o que quero facer en Cambados, chegar a todos os colectivos.

-¿Esa é a idea que quere transmitir da Policía Local?

-É necesario que a xente vexa á policía como un servizo público, igual que cande se precisa dun fontaneiro, como algo cercano ao cidadán. Teño interiorizado o lema de 'prohibido prohibir'. O noso traballo é unha cuestión de valores. Nunha sociedade avanzada todo o mundo ten que saber o que ten que facer. Iso facilita as cousas. Logo, xa sei que as cousas non son sempre así, pero eu teño a obriga de transmitir eses valores. Equivocareime moitas veces, pero esa é a miña filosofía. Logo xa sei que no día a día haberá outras necesidades.