Do cuplé ao «crooner» dos 60

AROUSA

María Anselma e Manolo Pérez transitaron uns xéneros musicais alonxados do pop pero igualmente exitosos

28 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Só queda unha semana para a celebración do festival Coa axuda dos meus amigos, que reunirá sobre o escenario do auditorio moitas das voces e os instrumentistas que protagonizaron a Vilagarcía musical dos 60. As 754 butacas da sala principal están esgotadas dende hai días e na capital arousá respírase un aire de movidilla moi interesante. Xa que logo, o Faiado intérnase no penúltimo percorrido por aqueles anos da man de dous dos seus protagonistas. A diferenza doutras entregas, centradas no mundo do pop e o rock, nesta ocasión trátase de amosar como aquela vila era quen de soster, tamén, novos intérpretes de cuplé, copla e o que os americanos denominaron crooners, cantantes masculinos de baladas.

Este é o caso, por exemplo, de Manolo Pérez. Acompañado por Cañotas, un guitarrista de Vilaxoán, Manolo seguía a estela do seu ídolo, o crooner catalán José Guardiola. No teatro Cervantes, nos festivais daquel tempo, e sobre todo en La Voz de Arosa, a emisora á que daba vida Luis Gómez. «Cada dos días íbamos a cantar dos canciones los niños y nos daban un tarro de Foscao, una especie de Colacao», lembra o cantante, quen a raíz daquilo decidírase a participar nun concurso que se celebrou en Ravella, no mesmo lugar onde hoxe funciona a cafetería Maty: «Quedé yo de primero en niños y Marita Gómez en niñas. Gané 1000 pesetas, lo que no estaba nada mal para la época».

Con só doce anos, María Anselma Salgueiro trasladouse a Pontevedra. Antes tivo tempo de deixar a súa pegada no mundiño musical vilagarcián. Apoiada tamén na guitarra de Cañotas, María debullaba coplas e cuplés que Sara Montiel puña de moda entón. Volver actuar en Vilagarcía énchea de ledicia e emoción: «Qué ilusión reunir a gente que no veía desde hace 40 años; lo estoy pasando de miedo».