Araceli Bugallo gaña con autoridade a primeira proba do ránking galego de espada

LUGO CIUDAD

26 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Araceli Bugallo segue sen atopar rival en Galicia ao seu dominio na modalidade de espada. A tiradora cambadesa vén de gañar o pasado domingo a primeira das dúas probas que conforman o ráking autonómico da especialidade, celebrada no anexo do Pazo Provincial de Deportes de Lugo.

Nunha cita á que acudiron medio cento de espadas masculinas e femininas na categoría absoluta, Bugallo amosou un dominio aplastante sobre as súas rivais, desde a fase de grupos ata a mesma final, na que superou a súa compañeira no Compostela Esgrima Helena Piñeiro.

A seguinte cita da tiradora cambadesa será o vindeiro 23 de xaneiro en Santiago. Alí, co apoio da afección do seu club, Araceli Bugallo buscará refrendar o seu pase ao Campionato de España de Espada na segunda e derradeira proba do Ránking Galego da modalidade. Unha cita que non lle resulta para nada descoñecida, toda vez que a arousá pode presumir de contar na súa vitrina persoal con tres títulos nacionais, amén de varias participacións máis na máxima cita a nivel estatal.

Acceder ao Campionato de España non lle debera resultar excesivamente complicado a Bugallo. E é que, de manterse o sistema de clasificación da pasada tempada, serán oito as representantes galegas na cita estatal.

O ano pasado, a cambadesa fíxose acreedora dunha praza no Nacional como mellor tiradora galega, logo de gañar o primeiro torneo autonómico e de ser subcampiona do segundo.