A directiva do Club Xadrez Fontecarmoa presentou onte no auditorio de Vilagarcía o seu proxecto deportivo para a vindeira tempada, asentado baixo a premisa de fortalecer a estrutura da entidade e seguir potenciando a que xa é sen lugar a discusións a mellor canteira a nivel galego.
Nesta liña, os responsables do C.X. Fontecarmoa anunciaron que o club sairá a competir nas vindeiras ligas galegas con quince equipos, dous máis ca no 2009: dous na Primeira División, tres na Segunda, media ducia na Terceira e catro na Cuarta.
Proba da firme aposta pola canteira é a inscrición de tres rapaces de entre 12 e 14 anos coma plantel dun dos dous representantes do C.X. Fontecarmoa na Primeira División: Andrés Varela, Luis Segura e Lucas Abal. Un trío que brilla con luz propia nas competicións da súa idade, e que apunta moi alto.
Ademais, na Segunda División haberá tamén un plantel de rapaces de curta idade, encabezados polos vixentes campión e subcampión autonómicos Sub 12, Julio Suárez e Andrés Bayón.
A día de onte o equipo vilagarcián contaba con 137 fichas federadas, unhas quince máis que hai un ano, pero desde o club agardaban que para xuño, cando se pecha o prazo de fichaxes, se chegue ás 150. Quince monitores, nove de base e seis de niveis máis avanzados, encargaránse da dirección técnica deste gran grupo humano.
O presidente da sociedade deportiva, Roberto Vidal, presumía onte xunto cos seus compañeiros de directiva de que ningún outro conxunto en Galicia chegou a coordinar a quincena de planteis que a comezos do vindeiro ano moverá o C.X. Fontecarmoa nas ligas galegas.
Ao éxito no 2009, con numerosos títulos nas categorías de formación, tanto en campionatos autonómicos individuais coma no Circuito Galego Escolar, o club vilagarcián engade un importante labor de promoción do xadrez máis aló do apartado federado.
Así, o C.X. Fontecarmoa dirixe tamén as escolas municipais de Ribadumia e da Fundación Deportiva de Vilagarcía, e dá clases na capital arousá no colexio Filipense e nos institutos Miguel Ángel González de Carril e Bouza Brey.