Voces de muller nos 60

AROUSA

Non só de tipos con bigote vivía a Vilagarcía musical. As rapazas da década máxica cantaron moito e ben

21 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Faiado da Memoria prosigue o seu repaso á Vilagarcía musical dos anos 60 como aperitivo do festival Coa axuda dos meus amigos , que terá lugar o 4 de decembro no auditorio. E faino saldando unha débeda evidente. Ata o de agora teñen desfilado por estas liñas bandas como os Strykkers, os Duendes ou os Ibéricos, todas cun denominador común: o cen por cento dos seus integrantes eran homes. Os rapaces con inquedanzas tíñano difícil. Pero se quen trataban de cantar e tocar un instrumento eran mulleres, a cousa mudaba en case imposible.

«A xente que nos gustaba a música só tiñamos unha maneira de divertirnos, que eran os festivais. A música, o teatro, son en realidade a miña vocación, pero nin había medios nin estaba ben visto que unha muller fose cantar por aí», explica Pilar Garrido. Ela, xunto a Esther Blanco, Ángeles Carregal, Ángeles Landeira, Lourdes Garrido, Marisa Herranz, Fátima Lijó e María José Paz, formaron o grupo X+8. O 8 por seren oito rapazas, e o X por José Luis Sanz, que as acompañaba á guitarra. A formación xurdira no seo do colexio das Franciscanas e había pique con outra nacida nas Filipenses. Mesmo, certos episodios de espionaxe musical que algún día haberá que explicar. O conto é que co tempo houbo tres baixas que foron cubertas por Victoria Hierro, Rosa Gabeiro e Juana María Martínez.

Paralelamente, Pilar, María José e Ángeles Carregal funcionaban coma trío, baixo o nome Las Dianas. E aínda Victoria, Juana e a propia Pilar fixeron os coros á banda Hemans no festival Perla de Arousa. Así que movemento non faltaba malia a xuventude das rapazas, que se movían daquela entre os 13 e os 15 anos, frecuentaban os cabaliños que se poñían fronte o antigo Ultramarinos Camba para estar ao tanto das novidades musicais, e pasaban o verán baixo o vello balneario, escoitando temas dos Sirex, os Mustang, Los Bravos, Juan y Junior ou os Lone Star.

Pilar deu un paso máis cando aprendeu ela soa, coa guitarra dunha amiga e un cancioneiro punteado, a facer sonar as seis cordas. Foi así como puido substituír a Sanz cando el deixou a súa colaboración coas mozas.

Os ensaios para o 4 de decembro celébranse puntualmente, dúas veces por semana, con nove integrantes das dúas etapas do grupo en plena forma. Son a guitarra de Pilar e oito compañeiras, polo que X+8 segue a ser un nome redondo. ¿Ou non?