«Os sete magníficos máis un» son o grupo oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia. Desde hai xa unha chea de anos, percorren todo o territorio español ofrecendo «o noso humor sinxelo a públicos de todas as idades». Mañá venres, esa oferta chegará aos rapaces arousáns, xa que a compañía fará unha parada no auditorio da Illa. O espectáculo arrincará a iso das seis da tarde, e a entrada para poder gozar da peza Dous pallasos en apuros custará tres euros.
A trama desta peza, pensada para o público infantil, é sinxela. «Co espírito clown característico da nosa compañía como nexo, os nosos protagonistas empéñanse en recrear en escena diversas situacións, sen acadar en ningunha delas o éxito pretendido», di a sinopse da obra. Así, entre bromas e falsos fracasos, transcorrerá un espectáculo polo que pasarán personaxes da literatura universal como Don Quijote ou Guillermo Tell, que neste caso «ten problemas de puntería». «E xa para rematar, aínda nos queda unha parella de dentistas con máis ben pouca maña, que retratarán en clave humorística o temor que todos e todas temos a unha consulta dental», sigue contando o resume da peza que mañá se representará na Illa.
Parece que as risas están aseguradas. Os que queiran confirmar a capacidade humorística dos pallasos de «Sete magníficos máis un» non teñen máis que achegarse ao auditorio mañá, a partir das seis da tarde.