«Nomeáronme alcaldesa de Valga con Franco, e tomei posesión co Rei»

La Voz VILAGARCÍA |

AROUSA

Mestra de profesión, Dolores Abuín asumíu á forza un cargo que non quería, para converterse despois na rexedora de Ribadumia tras as primeiras eleccións democráticas

31 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pablo Penedo Dolores Abuín Martínez loce 81 anos moi ben levados. De non estar obrigado a facer a que din é a máis indiscreta das preguntas a unha muller, acabariamos marchando da súa casa de Barrantes coa idea de atoparnos cunha xubilada que vén de poñer o punto e final á súa vida laboral. «Pásalle a moitísima xente», di ao comezo da nosa conversa. «Sei que son anciá, pero non o parezo. E non me tentes tomar o pelo, porque saes pelao».

Fiel ás súas clases de ximnasia, Dolores é unha muller decidida a aproveitar cada un dos minutos que lle quedaron libres tras retirarse da docencia no colexio de Barrantes. Encargada das contas e demais loxística do coro do lugar, ata hai un ano desempeñaba tamén o labor de coordinadora da parroquia na que vive.

A vitalidade de Dolores Abuín non lle vén de agora. Non por nada foi alcaldesa de Valga e de Ribadumia nos tempos da Transición, unha peculiar condición da que ninguén máis pode presumir, co valor engadido de terse producido nunha época onde o esquema familiar español convertía o protagonismo social feminino na excepción á regra. O carácter de Abuín e a forte personalidade que transmite a quen a escoita a bo seguro que tiveron moito que ver na traxectoria política desta ribadumiense que, asegura, nunca tivo aspiracións na cousa pública.

O desembarco accidental na política chegoulle a Dolores imposto, e tivo a súa orixe na súa profesión de mestra de educación primaria. Pero antes diso, a nosa arousá xa vivira toda unha vida.

Con 17 anos sacouse a carreira de maxisterio. «Estudei cun profesor que tiñamos en Besomaño -o seu lugar de nacemento-, don Antonio Blanco, que foi o profesor da inmensa maioría de todos os que daquela época temos carreira».

Cuestións normativas impedíanlle exercer ata os 19 anos, Cando os cumpríu «caseime, e comecei outra loita». Dolores aparcou o inicio da súa profesión para dedicarse ao seu fogar. Pero non por iso deixou de traer diñeiro á casa. O seu marido, Arturo Silva Ruibal, «era médico en Barrantes», mais «daquela non había Seguridade Social, e a un non lle cobraba porque era amigo, e a outro porque era pobre. E tiñamos que vivir. Para poderlle axudar a xuntar os primeiros cartiños, merquei unha máquina de facer punto cun diñeiro prestado polo meu irmán».

Xa cos seus dous fillos, Dolores puxo en marcha un negocio, e «grazas a Deus, tiven moita clientela. Tiña comigo dúas rapazas». Pero cando a cousa comezaba a despegar, Abuín tivo que traspasar o negocio para apoiar a aventura americana do seu home.

O doutor decidíu probar sorte ao outro lado do charco. Primeiro en Honduras. Logo en Costa Rica e Venezuela. Cando levaba ano e medio aló «díxenlle por carta que ou nos levas, ou te ves, ou esquéceste de nós», lembra Dolores. Aos dez días chegoume a contestación, dicíndome vou en tal barco». Pero para regresar «o cartiño que tiñamos aforrado gastouno, e comezamos outra vez».

E foi nesa volta ao punto de partida cando a ribadumiense iniciou a carreira como mestra que a levaría á alcaldía de Valga.

Tras sacar a súa praza na educación pública con 33 anos, e despois de pasar por varios destinos, Dolores atopouse nos anos 70 no daquela recén contruído colexio de Baño. Ante o traslado a Pontevedra do director, que tamén era alcalde, «dixéronlle que por que non fai que doña Lola sexa a alcaldesa?. A cuestión é que a min me chamou o gobernador civil. Tiven unha entrevista con el, e díxome te queremos hacer alcaldesa. Eu contesteille que que tiña que ver eu con Valga, se non había pantalóns alí para nomearme a min... Eu tentei que non me escolleran. Pero aos tres ou catro días chamáronme á casa ás oito e pico da mañá dicíndome: Te hemos nombrado alcaldesa, sales hoy en los periódicos, y no se te ocurra decir que no. Nomeáronme con Franco, e tomei posesión co Rei. Fun a última alcaldesa da dictadura e a primeira da democracia».

Daquela o Concello tan só contaba cun secretario, dous oficiais e un porteiro. Pese á escaseza de medios, «penso que deixei un bo expediente, que a xente me quería bastante ben. Cumprín coa miña obriga o mellor que puiden, sen querer facerlle dano a ninguén, pero esixíndolle a todo o mundo, comezando por min».

Dos seus tres anos na alcaldía de Valga recorda que nunha ocasión tiven que chamar os antidisburbios. O Concello vendía madeira para facer obras, e había os politicuchos de turno que lles ían dicir aos veciños que o monte era deles, sen estar aínda legalizada a propiedade do monte en man común. O socialista Vázquez Fouz facíame a vida imposible».

«En canto puiden, escapei de Valga» e marchou cun traslado ao colexio de Barrantes. Chegou en setembro, e «ao ano seguinte eran as eleccións», as primeiras municipais en democracia. «E volta outra vez a que tiña que ir. Fixeron unha xuntanza para facer a lista da UCD. Eu mandei o meu home e díxenlle que lles contara que estaba canso de estar sen a muller na casa. Cando regresou díxome, mira Lola, todo o mundo te reclama, e eu non dixen nada».