A obra de autor vivo máis representada da historia do teatro chega a Vilagarcía

Begoña Paso

AROUSA

Iñaki Miramón protagoniza «Arte», un texto de Yasmina Reza de éxito mundial

06 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha aparente nadería, a compra dun cadro, funciona coma detonante para que tres amigos fagan saltar polo aire unha relación de quince longos anos. Sobre este feito, a autora parisina Yasmina Reza constrúe unha trama infestada de humor e risas cunha grande carga de profundidade. Por algo o elemento central da peza non é senón un cadro case branco, estandarte da arte contemporánea e verdadeira bomba que delata as miserias, traizóns e puñaladas trapeiras da amizade.

A montaxe que o venres chega ao auditorio de Vilagarcía está dirixida por Eduardo Recabarrén e protagonizada por Iñaki Miramón, Alex O'Dogherty e José Luis García Pérez. A súa anterior versión recibiu, baixo a dirección de Josep María Flotats, cinco premios Max de teatro, entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección, e foi vista por case un millón de espectadores. Trátase, de feito, da obra máis exitosa da escena contemporánea en España. A súa autora, Yasmina Reza, emprendera en 1987 unha brillante carreira coma escritora, cultivando múltiples xéneros, dende o teatro ata o ensaio e a adaptación.

A súa peza Conversacións despois dun funeral recibiu o galardón máis importante do teatro francés, o Moliére, distinción que Reza gañaría aínda dúas veces máis coas obras A travesía do inverno e a propia Arte . Esta última está considerada o cumio da súa carreira. Recentemente vén de estrear en París Le dieu du carnage , que supuxo un novo grande éxito.

As entradas están xa á venda a través do número de teléfono 902 504 500 e da páxina web www.caixanova.es. Tamén no despacho do auditorio, en horario de 11 a 14 e de 18 horas ata media hora despois do comezo da obra. Os prezos son de 15 euros para a zona A, 13 para a B e 11 para a C. Hai bonificacións para o cartón NX, os maiores de 65 anos, desempregados e familias numerosas.