O xurado, reunido en Vilagarcía, decidiu conceder un accésit a Rafael Salgueiro
O xurado do premio Plácido Castro de tradución reuniuse onte en Vilagarcía para decidir que obra, entre as seis presentadas, era merecedora do galardón deste ano. Tralas deliberacións, a decisión foi conceder o premio a María Reimóndez, pola súa tradución do inglés da novela Mary Prince, unha escrava das indias occidentais , escrita pola propia Mary Prince en 1831.
O presidente da asociación de tradutores galegos, Xosé María Gómez Clemente, explicou que, ademais da calidade da tradución, o xurado tamén valorou o feito de que esta obra fora un texto fundamental na loita pola abolición da escravitude no mundo, así como a súa temática de valoración da condición feminina. Tamén se tivo en conta que o galego sexa a primeira lingua peninsular á que se traduce este texto.
Este ano o xurado tamén decidiu conceder un accésit a Rafael Salgueiro pola súa tradución dende o inglés de O libro da selva , de Rudyard Kipling. Na concesión desde accésit tívose en conta a calidade lingüística da tradución, así coma o feito de que se traduza ao galego unha historia que forma parte do imaxinario de nenos e maiores.
O premio Plácido Castro cumpre este ano a súa oitava edición. É o único neste ámbito que existe en Galicia e está dotado economicamente con 3.000 euros.
Nesta ocasión o xurado estivo composto por Xosé María Gómez Clemente, en representación da asociación de tradutores galegos, Xosé Castro Ratón, en representación da Fundación Plácido Castro, Xosé Luís Axeitos, pola Real Academia Galega, Ana Luna, representando á Universidade de Vigo, e Carlos Arias, en nome da Xunta de Galicia. Como secretario actuou o profesor da Universidade de Vigo Alberto Lugrís.
A gañadora deste ano, María Reimóndez, nada en Lugo no ano 1975, é tradutora e escritora. Como creadora, cultiva tanto a narrativa e a poesía coma o teatro. É presidenta e fundadora da organización de cooperación ao desenvolvemento Implicadas. No 2005 foi finalista do premio Merlín coa novela xuvenil Usha , e finalista tamén do Xerais, con O club da calceta .
O acto de entrega do premio Plácido Castro terá lugar en Vilagarcía o día 17 deste mes. Ese mesmo día, según avanzou onte o tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón, procederase tamén á inauguración da nova rúa que levará o nome do intelectual galeguista. «En Vilagarcía residen dúas das súas fillas, parte da súa familia fundou o Hotel Carril, onde está o restaurante Plácido», explicaba o concelleiro. Esa rúa de Carril será, precisamente, a que leve o nome de Plácido Castro.
Tanto a obra gañadora como a que conseguiu o accésit poderanse ler na biblioteca virtual da asociación de tradutores galegos, www.bivir.com. Neste portal pódense atopar xa máis dun cento de obras coas que se pretende achegar aos galegos algunhas das obras fundamentais da literatura. Tamén se pretende dar a coñecer o excelente nivel de tradución que existe en Galicia.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios