O Extrugasa xógase en Vilagarcía o pase á final a catro da Copa co Ensino de Míriam Herrera

LUGO CIUDAD

19 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Co plantel ao completo desde hai unha semana, o Extrugasa de Tito Díaz busca esta tarde en Fontecarmoa (19.30 horas) unha praza na fase final da Copa Galicia, que se disputará dentro de sete días en Vigo. Conseguila pasa por derrotar o seu rival hoxe no parqué vilagarcián, o Ensino de Lugo.

A visita do cadro lucense, adversario tamén na vindeira Liga Feminina 2, ten outros dous compoñentes engadidos que lle propocionan ao choque un interese especial para a afección local. O primeiro, o feito de ser o primeiro encontro que o Extrugasa disputa no escenario de Fontecarmoa desde o seu descenso á LF2.

O segundo, que na expedición do Ensino viaxa a ex xogadora vilagarciá Míriam Herrera. Un cambio de aires que se producíu este mesmo verán forzado en orixe polos plans do Extrugasa, que non contaba cunha xogadora que caeu en desgraza no seo do club a mediados da tempada pasada, ata o punto de térselle retirado no seu momento a capitanía do plantel.

A á-pívot foi un dos reforzos estrela do Ensino, que tamén incorporou nos últimos meses a outra ex Extrugasa, Regina Gómez. A escolta santiaguesa deixou o Ibiza da Liga Feminina, inmerso nun importante axuste orzamentario despois dunha gran tempada na que acadou o subcampionato da Copa da Raíña.

Xunto a Mírima e Regina chegou ao Ensino Raquel Asensio, a mellor triplista da última tempada na LF2 nas filas do Universitario de Ferrol, co que disputou a fase de ascenso. A continuidade de Elena Sánchez, pívot coñecida pola súa forza no xogo interior, fai do lugués «un bo equipo», sinala Tito Díaz, a expensas do que poidan contribuír as súas fichaxes foráneas.

O técnico do Extrugasa advirte ademais de que o Ensino vén de superar na pretempada o Bembibre, o primeiro rival na Liga do conxunto vilagarcián, e mais o Pabellón de Ourense. A este último, o pasado mércores por un axustado 76-69 na segunda xornada da Copa Galicia.

Tendo en conta que o Extrugasa derrotou hai sete días o Pabellón por 58-81, o Ensino non debera supoñer demasiado atranco no camiño cara a fase final. Pero cada partido é un mundo, e Díaz non se fía.

Satisfeito coa evolución diaria do seu conxunto ata o momento, o adestrador vilagarcián dispón hoxe das súas nove xogadoras séniores. As aleiros xuvenís Desi e Alejandra Carballa completan a convocatoria copeira fronte ao Ensino.