As lesións de Sarró e de Leo apuntan ao debú de Nano no once titular do Vilalonga fronte ao Deportivo B
AROUSA
O Vilalonga persegue hoxe o seu primeiro triunfo na Liga 2009/10, logo de empatar a uns na visita do Negreira e de perder a pasada semana co Céltiga no derbi arousán da Terceira División por 2 goles a 1. A misión dos homes de Gabi Leis pasa por superar a un recén descendido Deportivo B, que pese á súa condición de filial, traballa sobre a premisa de loitar polo retorno á Segunda B.
Ás seis e media da tarde principiará o encontro no Novo San Pedro. E o Vilalonga terá que superar non só a un rival que se reforzou este verán con boa parte dos novos valores do seu veciño Montañeros, senón tamén aos problemas de baixas cos que xa se ten que manexar Leis neste inicio de campaña.
Á ausencia de Suso, cun par de semanas máis por diante para se rematar de recuperar da fractura no oso dun dedo dun pé, o técnico do Vilalonga súmalle para as vindeiras dúas ou tres xornadas as baixas dos seus dous laterais esquerdos, Sarró e Leo. Ambos, con sendas sobrecargas musculares con posibilidade de micorrotura a raíz do encontro fronte ao Céltiga. De feito, Leo, que debutaba coa camisola arousá, tivera que substituír xa a Sarró durante o transcurso do derbi.
Deste xeito, Nano, novo xogador do Vilalonga tras pechar o club esta semana a súa fichaxe procedente do Pontevedra B, ten todas as papeletas para estrearse co seu novo equipo saíndo de cara ante o filial deportivista.
Dez veces se viron as caras na Terceira Vilalonga e Dépor B no feudo do primeiro, a metade delas con empate, con tres triunfos locais. O problema é que as dúas victorias visitantes chegaron nas tres últimas visitas coruñesas, cun empate polo medio.