San Vicente do Grove bota a ollada ao pasado na celebración da primeira Romaría da Festa da Malla
AROUSA
A parroquia de San Vicente do Grove está hoxe de festa. Nas inmediacións do río Ameirós, no lugar dos Campos, vai ter lugar a primeira Romaría da Festa da Malla, un evento que nace con vocación de futuro, pero tamén con afán de darlle valor ao noso pasado. O Colectivo Cidadán de San Vicente, a Asociación Cultural Roza do Pedrol e a Concellería de Cultura son os pais dun proxecto que parece ter espertado o interese e a ilusión nun bo feixe de grovenses.
O programa que hoxe se vai desenvolver arrinca ás once e media. A partir desa hora, o lugar dos Campos irase enchendo de xente: a xente que, a partir das doce e media, escenificará a celebración dunha xornada de malla «tal e como se realizaba antigamente en San Vicente». Logo, o día deixarase ir paseniño. Haberá espazos habilitados para comer. O menú vai a conta de cada quen: os asistentes poderán levar a súa comida da casa ou achegarse ao «palleiro de información» e mercar vales para montarse o almorzo a base de polbo, pan, empanada, chourizo e viño.
Despois da comida e da sobremesa, volven as actividades programadas. Ás cinco da tarde está prevista a actuación da contadora de contos Tareixa a Tartareixa. E as sete de tarde actuará o grupo de folk Ardentía. A súa música non será a única que se escoite durante a xornada: a celebración estará amenizada por distintos grupos de pandereteiras, baile e música galega.
Obxectivos
«A través desta festa preténdese rememorar a tradició propia das zonas rurais do noroeste peninsular, onde se cultivaban trigo, centeo e cebada», di o tríptico da festa editado polos seus organizadores. «A malla, que é a separación do gran da espiga da palla, realizábase á man e coa participación de gran parte do pobo, que se ía reunindo de cada vez na eira de cada veciño».
Este labor manual existiu en San Vicente ata hai 50 anos. Pero, debido ao esforzo que requería, esta foi unha das tantas actividades agrícolas tradicionais que posteriormente se mecanizou, dando paso ao uso de máquinas malladoras a motor e máquinas cribadoras. Así o explican os responsables da organización desta festa, que son tamén os responsables da exposición sobre a malla que desde hai unha semana está aberta na casa de cultura Ángel Vázquez Hereder, de San Vicente. A mostra espertou un grande interese entre os veciños do Grove, polo que se espera que a afluencia hoxe ao lugar de Campos, na ribeira do Ameirós, vai ser tamén moi elevada.
Esta primeira Festa da Malla nace con vocación de continuidade. E co ánimo de ser un alicerce sobre o que erguer un proxecto de recuperación da tradición local.