Josiño preséntalle un ambicioso proxecto a Martiñán, e o Céltiga respostarálle a vindeira semana

La Voz

AROUSA

O presidente do Céltiga, Manuel Dios, Martiñán , e Josiño Abalde reuníronse onte no que foi o penúltimo acto antes de decidir a continuidade ou o punto final á relación entre o club e o técnico vigués.

Josiño Abalde presentoulle a Martiñán un proxecto ambicioso, co que o adestrador pretende «darlle á xente da Illa o que din noutros sitios», en clara referencia á fase de ascenso á que levou no seu día o veciño Vilalonga. «Quero darlle á xente da Illa o que eu me esixín este ano, e non fun quen de dar», comentou trala xuntanza. Unha intención frustrada en boa medida pola escaseza de efectivos e os numerosos problemas físicos de xogadores chamados a darlle un salto de calidade ao plantel do Céltiga. Iso si, Josiño quixo repetir que «o noso obxectivo, a permanencia, cumprímolo, e un síntome respectado na Illa».

Pola súa parte, Martiñán manifestou que «as sensacións tras a reunión son boas, pero isto teno que decidir a directiva, e o que está claro é que hai que reducir o orzamento sobre un 25%». As posturas de ambas partes, pois, semellan difíciles de compatibilizar. Sexa como sexa, na noite do luns os responsables do Céltiga decidirán se dan o si a Josiño, ou se lle comezan a buscar un substituto.

Noutra orde de cousas, esta fin de semana o Céltiga organiza o seu primeiro torneo benxamín e prebenxamín, coa participación de 21 clubs.