Un grupo de cinco pequenos empresarios unidos por unha relación de amizade forma o núcleo duro da nova directiva do Vilalonga. Así o comunicaron onte fontes do club, que fixaron para o luns o anuncio público dos nomes dos novos responsables da entidade. Comezando polo do presidente que relevará a José Fernández á fronte do Vilalonga.
Á espera da presentación da nova cúpula vilalonguesa, fontes da mesma adiantaron onte parte das liñas mestras do seu proxecto. Comezando pola súa filosofía de traballo, que pasará por involucrar a todos os veciños da parroquia sanxenxina no funcionamento dun club que, entende, é patrimonio común de todos eles.
A nivel deportivo, a intención é confeccionar un plantel competitivo para a Terceira División, mantendo iso si unha política económica realista en pleno contexto de crise global.
Recoñecendo o seu descoñecemento en moitas das parcelas de traballo dun club deportivo, os novos responsables do Vilalonga pedíronlle a súa colaboración á actual directiva. Así, a fin de conseguir unha boa transición para o club, varios dos integrantes do equipo de José Fernández accederon a permanecer varios meses máis nos seus postos. Entre eles, o director deportivo, Sexo, que en principio xestionará un verán máis a contratación do novo plantel.
Vella e nova directiva traballarán xuntas esta fin de semana para perfilar o proxecto deportivo da tempada 2009/10 e decidir, entre outras cousas, se se volta a apostar por Gabi Leis.