Os piragüistas arousáns loitan en Lugo por un posto na nova selección española de maratón

AROUSA

O Campionato de España de Maratón que se disputa entre hoxe e mañá nas augas fluviais de Lugo adquire este ano unha relevancia maior para un bo número de padexeiros de Arousa. O recente troco á fronte da Real Federación Española de Piragüismo derivou, entre outras novidades, na marcha de José Andrés Román Mangas, irmán do novo presidente federativo, do cargo de seleccionador nacional de maratón. Unha marcha acompañada pola aprobación dun novo sistema de elección dos internacionais hispanos no piragüismo de fondo. Fronte á liberdade absoluta de Mangas para escoller os integrantes da selección, cunha continua e ampla presenza de especialistas arousáns, neste 2009 serán os resultados do Campionato de España os que decidan quen acudirá ás grandes citas do calendario internacional.

Así, as dúas mellores embarcacións júnior, sub 23 e sénior irán ao Campionato de Europa sempre e cando teñan opcións de clasificarse entre as oito mellores a nivel continental. A terceira piragua de cada categoría irá á Copa do Mundo, á que se lle engadirá a cuarta nos casos do K-1 e do K-2.

Proba da importancia do Campionato de España é a presenza en Lugo de 77 equipos, doce máis ca na primeira proba do calendario da Copa de España de Acensos, Descensos, Travesías y Maratón, incluída na Liga Nacional Hernando Calleja.

Todos os equipos de Arousa e do Baixo Ulla, agás o Liceo Casino de Vilagarcía, están presentes na capital lucense. Os seis, con maiores ou menores opcións de clasificar a varios dos seus padexeiros entre os integrantes da nova selección hispana.

As opcións máis claras son as que representan a parella do Piragüismo A Illa formada por Ramón Ferro e Óscar Graña, e o dúo breoganista David Mascato-Ángel Cristian Ribademar, subcampións e terceiros clasificados no último Mundial de Maratón, respectivamente. Deles debera saír o barco campión no C-2. O C-1 xuvenil, con Juan Ramón Bayón (Piragüismo A Illa) e Diego Miguéns (As Torres-Romaría Vikinga) é outra categoría na que debería ter moito que dicir o piragüismo da zona, que conta coa catoirense María Pérez Piñeiro coma principal baza de partida nas categorías femininas. Concretamente, na Sénior K-1.

A nivel de equipos, o As Torres loitará por arrebatarlle o liderado da Copa de España ao Club Escuela Piragüismo Aranjuez.

Hoxe disputaránse as probas individuais, e mañá as de parellas, con cinco distancias diferentes. Desde os 12,9 quilómetros para os cadetes ata os 30,1 para o K-1 e o K-2 sénior masculino.