Vilaxoán e Mecos aspiran a meter hoxe os seus barcos xuvenís na final do Nacional de Trainerillas

La Voz

AROUSA

Tres embarcacións arousás defenderán o nome do Grove e de Vilagarcía no Campionato de España de Trainerillas que esta fin de semana coroará as mellores tripulacións da tempada en augas de Castro Urdiales.

As maiores expectativas céntranse na categoría xuvenil, co Mecos e, sobre todo, co Vilaxoán, chegando nun gran momento de forma.

Campión do Territorial Sur e inquilino permanente do podio nas probas precedentes, o barco de Vilaxoán conseguíu o pase ao Nacional de trainerillas logo de facerse co subcampionato galego hai seis días en Moaña. Só os canteiráns de Cabo de Cruz, cos que non se vira as caras ata entón, foron mellores cos vilagarciáns. Iso si, cunha insultante claridade materializada nos 19 segundos que separaron o vencedor do seu inmediato perseguidor.

O responsable técnico do CR Vilaxoán, Gelo Tarrío, comentaba onte camiño de Castro Urdiales que «non cremos que a diferenza con Cabo sexa tanta», sinalando o acceso á final do domingo como o único obxectivo no que pensar antes do inicio do Campionato de España.

En mar aberto

Para Tarrío «o máis difícil é acceder á final, porque depende moito da sorte no sorteo das tandas e porque nas clasificatorias descoñecemos o nivel real dos nosos rivais das outras comunidades». Factores aos que lles hai que engadir un campo de retagas en mar aberto, que de partida debería favorecer os barcos vascos e cántabros fronte aos representantes galegos.

Cando menos, Vilaxoán xa coñece por onde vai pisar, logo de disputar o ano pasado en idéntico escenario o Campionato de España de Trainerillas. Daquela a tripulación vilagarciá fora quinta, nunha final con Mecos coma campión.

As cousas cambiaron esta tempada, e aínda que o club grovense conseguíu poder defender esta fin de semana o seu título xuvenil, non semella figurar entre os favoritos a facerse co cetro nacional. Como terceira mellor embarcación galega, o responsable técnico de Mecos, Beni Fábregas, recoñece que «este ano quizais esteamos máis verdes».

As féminas, sen opcións

Fábregas subliña a importancia do vento en Castro Urdiales. «Se vén de terra, o campo de regatas será xusto para todos. Se o fai do noroeste, a rúa un terá vantaxe. O noso obxectivo», engade, «é meternos na final. E se o conseguimos, non descartamos nada». A tripulación sénior feminina de Mecos, pola contra, non ten outra aspiración máis que disfrutar da experiencia tras acceder ao Nacional como quinta galega pola renuncia de trainerillas doutras comunidades.

Vilaxoán e Mecos compiten esta tarde a partir das cinco con Cabo de Cruz e Robaleira, as vascas Getaria, Ondárroa e Zarautz, e as cántabras de Astillero, Pedreña e Castro Urdiales.