O auditorio da Illa encherase a primeiros de abril cunha nova edición do «Encontro dos Axóuxeres»

La Voz

AROUSA

15 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeiros do mes de abril, en concreto o día 5, os veciños máis novos da Illa de Arousa teñen unha cita. Todos os meniños da localidade están chamados a participar, ás doce do mediodía no auditorio municipal, nunha nova edición do programa «Encontro dos Axóuxeres». Un espectáculo destinado aos máis pequenos da casa e aos seus pais ao través do cal se pretende fomentar o uso do galego. A celebración deste acto na Illa pretende, segundo afirman desde o Concello, «exaltar o feito de que a súa poboación use na súa maioría esta lingua», xa que este certame é «unha festa para celebrar o galego como a lingua da casa».

O encontro é «unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que a nosa lingua siga pasando de pais e nais a fillos e fillas. Na organización desta festa veñen participando distintos artistas que unen palabra, emoción e música para animar aos máis pequenos a falar, a cantar e a gozar co galego. Músicos e actores, da man de Totó, un pequeno boneco de pelo azul que aprende as primeiras palabras, logran que os encontros sexan inesquecibles para os cativos. Para A Illa hai programados xogos, teatros, monicreques e música. Para asistir a este encontro debe realizarse reserva de praza chamando ao teléfono 686 160 879.

Por outra banda, ao concello vai chegar pronto outra actividade dirixida aos máis pequenos. Co gallo do día mundial do mar, o martes 17 de marzo 290 alumnos de entre seis e doce anos do colexio Torre recibirán a Xan, o protagonista da campaña de promoción do peixe que está a desenvolver xa desde hai un tempo a Consellería de Pesca. Os cativos, ademais de ver vídeos e de recibir charlas sobre a importancia de comer peixe, levarán para a casa unha camisola.