A defensa do Atlético Arousana Marta Cortés deberá agardar dúas semanas máis para coñecer se o seu positivo no test de Mantoux se corresponde realmente cunha tuberculose, ou ben se trata dun falso indicador da enfermidade.
Marta Cortés fíxose a pasada fin de semana a proba médica para descartar a doenza unha vez coñecido o caso do capitán do Arousa Fernando, e dadas as conexións familiares e deportivas existentes entre os planteis dos seus respectivos equipos. Tras dar positivo no test de Mantoux, a futbolista acudíu onte á Unidade de Tuberculose do Hospital Provincial de Pontevedra, onde lle fixeron unhas placas pulmonares e onde hoxe lle extraerán sangue para unha analítica. O problema é que os resultados das probas non estarán dispoñibles ata o día 17.
A zagueira amosábase onte tranquila ao respecto. «Levo dous ou tres meses moi cansa nos partidos. Fixen a proba do esforzo, e deume moi ben», pero aínda que o cansazo non desapareceu, e que a posibilidade de contaxio está aí, Marta Cortés confía en que o que poida ter sexa algo menor xa que non presenta ningún dos outros síntomas da tuberculose. Sobre o positivo no test de Mantoux, Marta sabe que «tamén podes dar positivo e non telo».