«As dúbidas sobre o parque do Souto non teñen sentido»

La Voz

AROUSA

25 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Malia as dúbidas amosadas por algúns veciños encol da construción do parque de Rubiáns, García garante que a súa opinión será incorporada ao proxecto.

-A asociación de veciños pode ter a absoluta e total tranquilidade de que as obras se farán con cargo ao plano provincial de cooperación. A mellor proba de que as obras feitas con estes fondos van adiante son, precisamente, as actuacións que xa están en execución ao seu cargo. Neles combínanse fondos do Concello, da Deputación e da Administración central. O parque vaise facer. De feito, xa existían conversas con xente de Rubiáns a este respecto.

-¿Van presentar vostedes o venres un proxecto pechado?

-Non, é un anteproxecto. Trátase de expoñer unhas ideas. Pero, por suposto, está aberto ás aportacións dos veciños. Ao fin e ao cabo, eles son quen van empregar, gozar e convivir más directamente con este espazo.

-Mais hai veciños que seguen a dubidar da súa intención.

-Sinceramente non sei por que. As dúbidas sobre o parque do Souto non teñen sentido; de verdade, ningún sentido. É unha arboreda preciosa, e haberá que deseñar a actuación máis axeitada para ela. Previstos na partida do plan provincial están 150.000 euros. Pero hai outras partidas. Por exemplo, a do equipamento para o parque infantil, que non está sumada aí, ou a man de obra que poñemos dende o Concello. Todo isto non está cuantificado neses 150.000 euros.

-Agora, por riba, a asociación Santiago de Afora non quere as chaves da escola de Trabanca-Sardiñeira. ¿Como...

-¿Como se come iso, en román paladino?

-Iso é, ¿como se come?

-A idea do Concello é facilitar un local na escola unitaria para o uso dos colectivos veciñais de Trabanca-Sardiñeira, en tanto non se desafecte o edificio e se pense noutra actuación. Nós, con toda a boa vontade, ofrecémoslles ese espazo. Se non queren usalo, é cuestión súa. Máis nada.

-Ben, pero entre unhas cousas e outras séguese a discutir a súa figura e quen goberna...

-Iso é produto de cabezas calenturientas. Somos un equipo traballando, un equipo do que eu son a directora. Son e reivindico o meu papel como alcaldesa. ¿É que teño que estar reafirmándome continuamente como alcaldesa por ser muller? A un home nunca se lle cuestionaría así, hai nisto algo profundamente machista. Pero déixeme dicirlle algo: cando hai que solucionar un problema, son eu quen ten sempre a última palabra.