Aquelas ostras de Carril

AROUSA

A voracidade e unha errada política de exportacións e importacións esgotaron un molusco de prestixio secular

08 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe Carril é sinónimo de ameixa e berberecho. Pero non hai tanto tempo, se un marisco carrilexo levaba o nome da vila arousá por Europa adiante este era, sen dúbida, a ostra. A explotación descontrolada, a avaricia e a demanda de países como Francia levaron a ostra carrilexa á súa práctica extinción, dende logo, como especie comercial.

O blog de Antonio Figueres, profesor de Investigación no CSIC de Vigo, é unha boa guía para pescudar na historia da ostra galega e arousá. Podemos coñecer, a través das súas liñas, que existe evidencia de consumo de ostras, mexillóns e ameixas nestas terras xa dende o século IV antes de Cristo. Os vellos galaicos deixaron grandes depósitos de cunchas de moluscos, coñecidos coma cuncheiros, que teñen idéntica fasquía nos arredores das vilas romanas do século I da nosa era.

Tanto vilas coma mosteiros consumiron durante a Idade Media grandes cantidades de ostras. A necesidade de regular a súa explotación esperta no século XVI, cando a mitra compostelá, da que dependen as terras de Carril, dita ordes precisas a fin de se garantir un subministro continuo do prezado molusco.

Daquela comezan as exportacións masivas a Castela e a Asturias, e con elas os problemas. En 1706 fretábanse barcos cargados de ostra que levaban o marisco carrilexo a outras zonas de España. Os envíos para a monarquía eran tan desaforados que a fin de século case que esgotaron os bancos naturais da ría de Vigo. Os ilustrados galegos alertan do perigo. Así, Cornide de Saavedra apunta, en 1778, o risco de extinción.

Labrada, na súa descrición económica do Reino de Galicia de 1804, cita ás mulleres de Carril que vendían en Santiago e Padrón as ostras e moluscos que os homes apañaban. O século XIX marca, precisamente, o comezo da fin. A exportación a Francia para repoboar os seus bancos provoca unha enorme caída de produción, que se tenta erguer coa creación de dous parques de ostra en Galicia. Fracasan.

A explotación sen control prosigue, como tamén os intentos por corrixir a situación. Nos anos 20 do século pasado, nun movemento de volta, impórtanse millóns de sementes dende Francia. A Guerra Civil afoga esta liña de traballo ata que, nos anos 60, a explotación deixa de ser rendible. Só restan pequenos refugallos naturais de ostra galega en lugares coma O Bao, na Illa. Próbase un parque experimental perto de Vilaxoán. En 1979 ábrese o primeiro criadeiro artificial. Pero as importacións francesas infectan as rías co parasito bonamia ostreae , que mata o 70% do molusco do país. Hoxe, a actividade ostreira limítase a bateas de engorde de pezas importadas. Mágoa.