«Estamos buscando fotos de todos os xogadores que pasaron polo Cambados»

AROUSA

07 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Juventud Cambados vén de abrir a súa páxina web, www.clubjuventudcambados.es. Unha nova iniciativa da directiva de Ríchard Charlín, que lles está a servir aos responsables da entidade de instrumento nunha campaña de búsqueda de documentos sobre a historia do Juventud Cambados. Xaquín Charlín é o encargado de reunir e de organizar o material que están a recibir.

-¿Ten algo que ver a súa búsqueda de datos e de documentos sobre a historia do club co feito de que o Juventud Cambados cumpra 45 anos?

-Un dos obxectivos do presidente do club con motivo dos 45 anos do Juventud Cambados era ter unha páxina web propia, en marcha desde o mes pasado. Nela colgamos un apartado chamado historia, para o que estamos a pedir a colaboración de calquera que nos queira axudar. Estamos a recabar fotografías antigas do equipo. A raíz de colgar as primeiras fotos comezáronos a entrar correos electrónicos de xente de fóra de Cambados. Porque por aquí pasou moita xente. Os que queiran axudarnos poden enviarnos o seu material á dirección futbol@clubjuventudcambados.es Pódennos mandar as fotos que queiran, e se nos explican as persoas que aparecen nelas, sería marabilloso. Estamos buscando fotos de todos os futbolistas que pasaron polo equipo.

-¿Están a recibir moita colaboración?

-Si. Agora mesmo estaba colgando 15 fotos, e xa imos polas 60. Temos fotos desde a fundación do club, en 1963. Só nos falta algún ano, pero creo que nuns dous meses teremos imaxes das 45 tempadas. Temos unha foto da tempada 1974/75, na que o Cambados foi o equipo que máis goles meteu de toda España, 104 na Rexional Preferente.

-Ademais de fotografías, ¿buscan algún tipo máis de información?

-Estamos buscando tamén documentación escrita. Pero aínda temos que falar con moita xente para recopilar documentos dese tipo. En función do material que deamos reunido non desbotamos editar unha revista ou un libro nun futuro.