A vilagarciá Ánxela Abalo actúa esta noite no auditorio coa obra de teatro «Medidas Preventivas»

La Voz

AROUSA

31 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A oferta teatral volve esta noite a Vilagarcía da man da compañía Áncora Produccións, que representará a obra Medidas Preventivas , escrita e dirixida por Gustavo Pernas e protagonizada pola actriz vilagarciá Ánxela G. Abalo, que comparte escenario con Vicente de Souza e Xosé Bonome.

A representación comezará ás nove da noite e a entrada custa seis euros. Quen non a adquirise previamente por Internet poderá facelo esta tarde, a partir das sete, na billeteira do auditorio.

Tanto o director da peza como a actriz arousá estiveron onte en Vilagarcía para facer a presentación desta obra. «Para unha actriz é un caramelo poder participar nun espectáculo que fala dos problemas que temos as mulleres», explicou Ánxela G. Abalo, quen definiu a obra como «unha homenaxe a todas as vítimas do terrorismo, da violencia de xénero e de todo xénero de violencia».

Pola súa banda, Gustavo Pernas explicou que se trata dun espectáculo en cinco partes no que se fala das medidas preventivas dos gobernos, que ás veces levan consigo unha merma das liberdades, e fala do medo. «O 11-S foi un fito tremendo e unha desculpa para moitas desas medidas preventivas», dixo Gustavo Pernas.