O polígono de Sete Pías disporá en breve dunha nave na que as empresas poderán depositar, de forma gratuíta, todo aquilo que lles sobra e que non contamina
Dentro duns meses, o polígono industrial de Sete Pías, en Cambados, disporá dun novo servizo: un espazo no que as empresas da comarca poderán depositar os seus residuos sen custe algún. É o novo centro de recollida de residuos non contaminantes, que construíron o Concello e a Deputación grazas a unha subvención europea. No proxecto colabora tamén a Concello de Vilanova de Cerveira, que foi outros dos municipios que recibiu parte dunha axuda que superou os tres millóns de euros. O alcalde de Cambados, Xosé Manuel Cores Tourís, explica agora cal vai ser a verdadeira utilidade destas novas instalacións. Quere que sirvan para rematar cos vertidos que aparecen moitas veces no medio rural.
-¿Que é exactamente un centro loxístico de recollida de residuos?
-É un centro de residuos industriais non contaminantes no que queremos que se recollan todos os residuos que xeran os polígonos industriais do Salnés, aínda que tamén poderán recoller os doutras empresas que non estean instaladas en polígonos industriais. Ademais, tamén poderán depositar alí todo o papel e o cartón que xeran as tendas de mobles e as ferreterías, por exemplo. En principio está pensado para as empresas da comarca, pero tamén poderán vir as de fóra.
-¿Quen se vai encargar da súa xestión?
-Vaise sacar a contratación en breve, -a Deputación está redactando o concurso- para que unha empresa se faga cargo desta nave. A firma que atenda estas instalacións ten a obrigación de recoller todos os residuos que se produzan para despois reciclalos e vendelos. Terá que pagar un canon e, a partir de aí, recoller gratuitamente toda o lixo industrial que haxa.
-¿Só recollerá papel, cartón e vidro?
-Había outro tipo de produtos que non estaban previstos no proxecto inicial pero que tamén se poderán recoller coma pequenos electrodomésticos, tóner de impresoras, ordenadores... Todas esas cousas que non se recollen e que despois aparecen tiradas no monte.
-¿Que busca este novo servizo?
-O que facemos é poñer a disposición das empresas un lugar onde poidan levar todos os residuos cos que teñen problemas para desfacerse. Dentro da nave farase un proceso de clasificación e reciclado de cada produto para, posteriormente, envialo a onde corresponde. Con isto queremos darlle un servizo á industria, un espazo para desfacerse dos seus residuos. Agora unha fábrica ten que ter un gran almacén para poder xuntar todos estes residuos e despois levalos a Sogama. Pero moitas non teñen onde gardalos e iso lles supón un custe moi alto.
-¿Vai ser gratis para as empresas?
-En principio a idea é que se os levas alí o servizo será gratuíto. Se queres que os recollan na túa empresa terá un custe, pero non demasiado elevado.
-¿De onde surxiu a idea de facer este centro de recollida de residuos?
-Foi unha aposta importante dos dous concellos e da Deputación. Cambados cedeu unha parcela importante en Sete Pías para que se leve adiante este proxecto. Pero tamén hai que ter en conta que esa nave pasará a ser municipal en canto caduque a concesión. Ademais o canon vaino cobrar o Concello porque chegamos a un acordo coa Deputación. Pero é importante que, ao final, esa nave tamén reverta no Concello. Aínda que a nosa idea é que siga funcionando e facendo traballos de reciclaxe de residuos porque creemos que é fundamental para o medio ambiente.
-¿Quen fixo o proxecto?
-O proxecto fíxose dende aquí coa colaboración de técnicos da Deputación. Foi unha iniciativa que defendeu a entidade provincial porque creu que era importante para todos os polígonos da provincia. É algo tamén que demandaba a asociación de empresarios do Salnés, coa que levamos tempo traballando en conxunto. Veñen demandando isto porque agora teñen que ir hasta Cerceda.
-¿Vai ser esta unha industria con malos olores ou contaminación?
-Non, porque non se tratan produtos contaminantes. Son produtos que xeran as empresas como papeis, cartóns, vidro, restos de automóbiles, de electrodomésticos... Produtos todos eles non contaminantes e que non teñen que sufrir un tratamento dentro da nave. Os aceites, por exemplo, non van ser tratados aí.
-¿Con isto esperan rematar cos vertidos que aparecen de vez en cando?
-A idea principal é coidar o medio ambiente. En Cambados xa tivemos problemas de vertidos, como cando apareceron restos de impresoras. E no Concello temos un servizo que recolle este tipo de lixo porta a porta pero, aínda así, apareceron hai pouco en Oubiña restos de electrodomésticos. Esta é unha forma máis de mentalizar á xente. Queremos aproveitar para dicirlle, tamén a veciños doutros concellos, que se acabaron os vertidos. Pero tamén darlle unha solución as empresas. Solo entre os polígonos de Ribadumia e Cambados hai moitas empresas que van utilizar esta nave. Tamén, as firmas de Vilagarcía Tremoedo e incluso as que se instalen en Barro-Meis.
-Nos últimos anos fixeron un esforzo por dotar a Sete Pías de máis servizos.
-Construímos outra plataforma loxística, onde agora está instalada a central de compras e distribución das cooperativas da comarca. Tamén fixemos un centro social que está dotado de cafetería, de oficinas para a asociación de empresarios e de aulas de formación. Ademais alí imos instalar a rede wifi da mancomunidade. Fixemos importantes inversións para dotar ao polígono.
-Tras esta obra ¿fáltalle algo máis ao polígono?
-Creo que, mais ou menos está todo acabado. Só falta a ampliación. Unha vez que se rematen de construír as últimas naves, que será durante o próximo ano, empezaremos a construír as beirarrúas. A partir de aí o polígono estará rematado e listo. Falta a ampliación, que é algo no que seguimos traballando. É necesario ampliar outros 200.000 metros cadrados para cubrir as necesidades das empresas.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios