Son meses xa soprando ventos de treboada sobre Trabanca-Sardiñeira. Todo, polo proxecto pioneiro de crear, sobre o campo de fútbol en desuso, un centro de cría de cabalo galego, con posibilidade de se converter en escola municipal. A directiva que preside José Juan Rodríguez vén de recoller a grande maioría do respaldo da asemblea de comuneiros, este mesmo domingo.
-Efectivamente, a nova directiva está perfecta e legalmente constituída, con máis do dobre dos votos que tiveron os nosos contrincantes.
-Si, pero eles anuncian xa impugnacións. ¿Que sucede aí?
-Non queren aceptar o resultado democrático. Teñen dito moitas mentiras, como que eu quería deixar de traballar ou que se había lucro persoal polo medio... Pero mira, non lles imos facer caso. Con toda a lea que montaron, e xa ves o que pasou, 20 votos levaron. Quixeron rachar coa reunión, pero nós puxemos calma e seguimos adiante. Fíxate que eles nos acusaban de presionar á xente. A man alzada tiveron 30 votos, dez máis que cando a xente votou coa papeleta. Xa vemos quen coacciona a quen.
-Ben, ¿e o centro hípico? ¿vai xa para adiante?
-O centro de cría de cabalo galego vai saír adiante. E moito máis. Queremos un campo de fútbol 11, e estamos xestionando herba artificial, unha pista de multideporte e un centro de ocio infantil, con parque e bancos.