Vilaxoán acolle a exhibición ao aire libre de «Pradolongo», o filme galego máis exitoso

La Voz

AROUSA

Meses despois do seu xeitoso pase nos Multicines Gran Arousa, nos que tuteou na súa primeira fin de semana co mesmísimo Indiana Jones, Pradolongo (45.000 espectadores xa) volta esta noite a Vilagarcía. Mais non a unha sala de exhibición ao uso, senón á praza Rafael Pazos, de Vilaxoán, onde se proxecta a partir das dez e media.

O sistema de proxección introduce unha importante innovación, da man da produtora Mr. Misto, dirixida por Xoán Mariño. É a primeira vez que se emprega un sistema de pantallas inchables, con imaxe dixital en alta definición co formato HD. A calidade é ata catro veces superior ao do vello sistema de DVD e mesmo supera o soporte cinematográfico. «O que permite este sistema é disfrutar o filme no seu formato orixinal de gravación», explicou Mariño. Noutras palabras, o que o director viu e plasmou, está en pantalla. A fórmula, testada en Cambados o pasado luns, funciona perfectamente e será empregada noutros puntos do Estado.

A proxección de Vilaxoán é a primeira dunha xeira que percorrerá as principais vilas de Arousa. Mais mergúllase tamén na iniciativa de promoción dos Camiños de Santiago. Así se explica a participación da sociedade pública Xacobeo, que onte representou no auditorio Marcial Rodríguez.

O programa enteiro, impulsado pola Consellería de Cultura, acada unhas oitenta proxeccións en vilas e cidades de Galicia e Portugal. María Xesús López Escudeiro, delegada en Pontevedra, gabou unha iniciativa que na súa opinión supón «unha ollada ao mundo dende Galiza». Por fin, tamén a iniciativa privada, grazas ao patrocinio de Gadisa, implícase na construción dunha aposta cinematográfica propia. «É -apuntou Antonio Cortés- unha mostra da nosa responsabilidade social corporativa».

O propio director, Ignacio Vilar, participou nunha presentación que serviu para anunciar que Pradolongo vén de gañar o premio á mellor banda sonora e á mellor composición no festival de Úbeda.