«Rock in Ría» nas Revenidas

AROUSA

A emblemática festa de Vilaxoán colle corpo con dúas noites de concertos e varias incursións internacionais

02 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Levan camiño as Revenidas de converterse no particular Rock in Ría arousán. A etiqueta, acuñada onte polo tenente de alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, obedece á intención manifesta da área municipal que el mesmo dirixe, a de Cultura, e do departamento que coordina a súa compañeira, Rosa Abuín, de facer da emblemática festa de Vilaxoán un dos grandes eventos do mes de xullo nos escenarios galegos, logo do Intercéltico de Ortigueira e do Festigal compostelán, e mesmo da veciña Portugal, co seu festival referencia de Paredes de Coura.

Polo momento, é o Concello vilagarcián o que carga coa meirande parte da financiamento das Revenidas. Mais no asunto comezan a entrar ata cinco departamentos distintos da Xunta, dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística ata a Dirección Xeral de Xuventude -onte asistiron á presentación do cartel as delegadas provinciais de Innovación, Montserrat Prado, e de Cultura, María Xosé Escudero-, Caixa Galicia, que pon o escenario principal, e institucións coma a Autoridade Portuaria ou a Deputación. Ademais de colaboradores clásicos como Caramuxo, que deseña da imaxe da festa.

Deste esforzo combinado parten as principais novidades da edición deste ano, que terá lugar no ecuador de xullo. A primeira e máis evidente é o reforzo dun programa que se estende xa a dúas xornadas, o serán do venres 18, centrado unicamente na música, e todo o sábado 19, día que se anuncia longo e repleto de actividades.

No núcleo da organización mantense a asociación cultural Repichoca. Unha das súas motivacións principais, explicou José Antonio González, un dos seus membros, é a alianza entre unha celebración tradicional e a cultura propia de Galicia, cun papel determinante para a lingua. O evidente pulo que o programa tende cara a mocidade non é, neste senso, casualidade ningunha.

Ska e música planetaria

Na confección do cartel musical tivo moito que ver outro dos integrantes de Repichoca, Xosé Ramón Barreiro, que onte foi debullando o perfil dos máis de sesenta artistas que irán desfilando por Vilaxoán.

O centro do programa vén dado por grupos galegos coma Som do galpón, que xa interviñeran no último Mundo Vermello en Vilagarcía, Serra-lhe-aí, unha tremenda aposta pola música tabernaria que foi quen de axuntar hai poucos meses en Burela unha verdadeira explosión de músicos do país para a gravación do seu primeiro directo, Ataquescampe, gañadores do Galiza Crea, Galegoz, que mestura xente de bandas míticas coma Os Diplomáticos ou Xenreira, ou Sonoro Maxín, composto por fundadores de Lamatumbá.

Ben interesantes son as dúas primeiras incursións internacionais que prometen as Revenidas. A primeira chega o venres, coa actuación de Arpioni, a banda italiana de ska que acompaña a Tonino Carotone. A segunda, o sábado, con Che Sudaka, fusión de músicas do mundo a cargo de xente de Colombia e Arxentina, que chega a Vilaxoán a través de Barcelona. Entre eles o cantautor Tino Baz, herdeiro daquelas Voces Ceibes, as alboradas dos Xirifeiros combinados coa Magnific Band ou os picadiscos Marcos Payno e Infante Terrible, encargados de ir esgotando ao persoal a última hora. Porque tamén haberá que ir á cama.