Ravella entregou onte os galardóns do concurso convocado para promover o uso da lingua na prensa e no comercio
17 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Seguro que noutros tempos non foi tan doado, pero hoxe non é raro sentir falar galego no salón nobre de Ravella. Onte non só se falou, senón que tamén se premiou. Nese escenario entregáronse os galardóns aos gañadores dos concursos convocados polo Concello de Vilagarcía para promocionar o uso do galego na prensa e no comercio.
O xurado reuniuse esta semana e o seu secretario, Manuel Campos, foi o encargado onte de ler o seu ditame. A decisión foi declarar deserto o primeiro premio do concurso de artigos normalizadores, pero o segundo foi parar a Rafa Villar polo traballo Chámase mariola, papá . É a terceira vez que este autor, veciño de Ames, se achega a Vilagarcía a recoller un premio, aínda que nos dous anteriores casos foi pola súa obra poética, tal e como recordou á hora de recibir os 300 euros, a peza de Mar Barral e o diploma que lles correspondían como premio.
No caso do apartado de comercio, o primeiro posto foi para a empresa Jarabato SL, de Vilaxoán, que comercializa a coñecida marca de camisetas Caramuxo. Tamén se concederon mencións especiais ao café As Áncoras e á casa de xantar Castro Alobre, polo emprego da lingua que de forma habitual fan estes establecementos.
Neste caso o premio non ten recompensa económica, senón que se materializa nunha distinción pública.
No acto de entrega dos premios estiveron presentes representantes da corporación de Vilagarcía. Presididos pola alcaldesa Dolores García, participaron no acto o tenente de alcalde Xosé Castro Ratón, e os concelleiros Susana Camiño, Rosa Abuín, Ana Lorenzo, Tomás Fole, José Luis Rivera Mallo e Marcelino Abuín. Tamén se achegaron ata o salón nobre representantes de colectivos e asociacións de Vilagarcía.
Tanto Castro Ratón como a alcaldesa destacaron a importancia de promover o uso do galego. Dolores García recoñeceu que o seu galego non é o máis correcto porque a súa nai naceu en Madrid e na súa casa se falaba castelán. Malia iso, entende que «as linguas son cultura» e que, polo tanto, é importante que os locais «empreguen a nosa lingua para facer que a respecte a xente de fóra».