Os nenos mecos participaron onte nun safari fotográfico:percorreron toda a vila buscando atentados contra o galego
13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Semana das Letras Galegas arrincou onte no Grove. Uns catrocentos cazadores, armados con cámaras fotográficas, percorreron a localidade á caza e captura de animaladas lingüísticas cometidas co galego ou, mellor dito, contra o galego. Ás dez da mañá, os rapaces atopáronse na praza do Corgo. Algúns chegaron no tren turístico e outros a pé. Pouco tempo pasaron na praza do Concello: divididos en grupos de cinco, espalláronse por todas as rúas da vila á procura da «instantánea da burrada gorda, do erro máis sangrante, co fin de chamar a atención sobre a necesidade de facer un control de calidade dos textos que chegan diariamente a nós e de fomentar o uso social da lingua galega», segundo explicaban onte dende o Servizo de Normalización do Concello do Grove. É precisamente ese servizo o responsable do safari fotográfico de onte, que se desenvolveu baixo o lema «Enfocando o galego». Agora, cada centro de ensino do Grove enviaralle as súas fotos ao Concello para facer unha selección das mellores imaxes e expoñelas todas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. O alumnado será premiado cunha viaxe en barco ata a illa de Sálvora e con lotes de libros.