Este técnico recorda que os froitos da horta do Salnés teñen moita calidade
29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Roberto Vázquez é un dos responsables das xornadas sobre o sector da horta que esta tarde organiza a Deputación na casa de cultura de Ribadumia. Na súa opinión, os agricultores non pasan por un bo momento, por iso é preciso «facer un bo diagnóstico para poder aplicar o tratamento axeitado». Recorda que os veciños podemos facer moito, mercando produtos da nosa horta. Na mesa redonda da Deputación estarán tamén un produtor de Laracha, o xerente de Horsal e xente de Portugal, «porque a xente quéixase de que os prezos os poñen os portugueses e non se acordan de que os portugueses viñeron ver como funcionabamos e agora xa nos pasan diante», afirma.
-¿Como nace a idea de facer estas xornadas?
-Nace porque as cooperativas invitaron ao presidente a que se acercara a coñecer as súas instalacións. Foi un pouco para acercalo nun momento no que a situación está un pouquiño mal. A xente está moi desmotivada porque hai unha merma nas rendas das explotacións agrarias e querían transmitirlle ao presidente cal era a súa realidade. Ademais, temos un presidente ao que lle importa moito todo aquilo que lle pasa aos veciños e no tema da horta conta con certa vantaxe, porque a coñece e estivo vencellado a ela. Non é un acto político. É un sitio no que poder falar da horta e dos seus problemas.
-¿Que busca a Deputación coa celebración destas charlas?
-O que se busca e sentarse a falar. Cando algo está mal, haberá que sentarse a falar para saber cales son as causas e como se pode solucionar. Cando hai un problema o primeiro que hai que facer é un bo diagnóstico para poder aplicar o tratamento axeitado. Ás veces, tamén fai falla recoñecer que hai un problema. E, ademais, este era un compromiso persoal do presidente da Deputación coas cooperativas da zona, dar ese primeiro paso e ver que está mal.
-¿Cal é a situación actual do sector da horta na comarca do Salnés?
-O momento é crítico. A situación é delicada. Hai desmotivación no produtor e abandono. É un pouco a pescadilla que se morde a cola. O produtor esforzase duramente na campaña para sacar o máximo beneficio, pero resulta que o tempo non acompaña, os prezos están estancados e os custes da explotación incrementáronse moito. Só hai que ver os prezos do gasóleo. Hai catro anos, o agrícola pagábase a 0,39 euros e hoxe custa 0,92. Tamén subiu a seguridade social de 133 a 199 euros. Os abonos, os plásticos do e os ferros dos invernadoiros tamén subiron moitísimo. En cambio, o tomate, que hai catro anos pagábase a 0,40 céntimos, hoxe págase a 0,43 céntimos. A xudía subiu de 0,90 a 0,91 e a leituga baixou de 0,24 a 0,20 euros. E esa é a tendencia. Os prezos están estancados e iso implica que un produtor que teña, por exemplo, 2.800 metros de invernadoiros e 2.500 ao aire libre, deixe de gañar cada ano uns seis mil euros. A merma das rentas das explotacións é grande e iso fai que os produtores se desanimen.
-Pero o consumidor non nota ese estancamento dos prezos.
-O produtor quéixase de que hai unha grande diferenza entre o que el percibe o que paga a ama de casa. Eu aí non me meto, porque cando hai moito produto págase menos. ¿Qué ten que facer o produtor? Ter claro que quere dedicarse a iso e terá que ampliar a súa base territorial para poder producir máis. Pero ás veces non é fácil porque aquí os terreos cotízanse como solares. Ademais, as parcelarias están bastante paralizadas.
-¿Que máis se pode facer dende as administracións para solucionar a situación?
-Tense que potenciar e desenrolar, dunha vez por todas, o label de calidade. Así evitaremos o fraude. Tamén hai que facer campañas de publicidade. Temos que buscar que a ama de casa saiba que o produto de aquí está controlado, que é sano, de calidade e, sobre todo, que cando se come ten sabor. Hai que explicar, ademais, que se ti compras un produto de aquí estás contribuíndo a que ese produtor poida vivir dignamente do campo, que continúe coa explotación e que axudará a que a xente nova viva do campo.