Coma cada ano desde hai catorce, o equipo de normalización lingüística do Salnés elaborou un informe sobre o uso do galego nos centros de Secundaria da comarca. E o certo é que nesta ocasión os datos son mellores do habitual. No 60% dos centros estudados cúmprese a legalidade vixente no que se refire ao uso do galego nas aulas, unha mellora substancial se se ten en conta que o ano pasado só o 20% respectaba a norma.
Agora ben, se isto é así, tamén é certo que naqueles institutos nos que a lei non se cumpre a situación dista moito, en case todos os casos, de achegarse aos mínimos. En case todos eses centros non se acada a marxe do 50% das materias en galego na maioría das aulas.
O equipo de normalización e dinamización lingüística, que así se chama agora, explica que a finais de xuño se publicou o novo decreto no que se regula o uso do galego no ensino. O tardío da data, xa en vacacións, provocou que a principios de curso os institutos se atopasen coa esixencia de ter un plan lingüístico aprobado e de crear unha comisión de traballo para a elaboración tanto dese plan lingüístico coma dun plan sociolingüístico de cada centro. A día de hoxe, só tres centros cumpren a normativa neste campo.
Segundo a nova lexislación, ao menos o 50% das materias deben impartirse en galego. Desas, algunhas son establecidas pola propia lei, mentres que as outras son de libre elección polos centros. Ademais, esa porcentaxe pode superarse se o estudio sociolingüístico que faga cada instituto así o xustifica.
As conclusións que o equipo de normalización extrae do informe desde último ano lévanos a facer unha serie de propostas. En primeiro lugar, pídenlle á Administración unha planificación sensata e con tempo do curso académico. Tamén inciden na necesidade de mellorar a formación do profesorado. Neste senso, aínda que recoñecen que «nestes dous anos houbo un avance en canto á formación para o profesorado dos equipos», consideran que é moi necesario formar ao resto do profesorado.
Outra das reclamacións nas que adoitan insistir é na necesidade de promover a elaboración de materiais didácticos en galego, especialmente para aquelas materias que están incluídas na lexislación. «É alarmante o escasísimo material audiovisual e lúdico do que dispoñemos nos centros para o seu uso educativo», apuntan.
Piden tamén que se dote de recursos aos equipos de normalización, non só económicos ou materiais, senón tamén a través da creación de redes virtuais que permitan a posta en común do traballo ou de grupos de traballo de ámbito local ou comarcal.
A análise sobre o uso do galego nos centros de Secundaria do Salnés foi presentada onte no instituto Bouza Brey por Xabier Camba e Manuel Capón.