«O Mini é o coche máis querido, ten carrocería antiga e inxección»

Ana F. Cuba MONDOÑEDO?/?LA VOZ.

A MARIÑA

Este mindoniense colecciona automóbiles clásicos, mércaos de segunda man en bo estado e «tunéaos». É un dos promotores dun club de vehículos vellos

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Albino Nogueira Rodríguez (Lindín, Mondoñedo-1963) sempre lle gustaron os coches. Conta súa nai que xa de cativo cando baixaban ás festas dos Remedios en vez de subir nas atraccións da feira quería que lle comprara un automóbil de xoguete, a poder ser coma o Citroën que tiña un veciño de Lindín.

Tal vez por iso o primeiro oficio de Albino foi de mecánico, en talleres Seijas de Mondoñedo. Despois botou varios anos colocando pizarra nunha empresa do Barco de Valdeorras: «Daquela ganábanse cartos, con 22 ou 23 anos cobraba 115.000 pesetas, libres porque nos pagaban a comida e o hospedaxe; andabamos por Galicia e por fóra, o empresario era Cufica».

Que andiveran e listo

Polo medio mercou un coche, un Seat 600 con matrícula de Madrid, sen letra. «Compreino de segunda man por cinco mil pesetas. Era o que había, daquela non se tuneaban, mirábase que andiveran e listo», relata. Trala etapa de pizarrista Albino retornou a Mondoñedo e pasou unha tempada vendendo xelados da marca Avidesa. Ata que voltou á pizarra, esta vez en Cataluña, en Puigcerdá, no Pirineo. «Aquela foi unha etapa moi boa, gañaba cartos e igual que os gañaba gastábaos... Que me quiten o bailado, disfrutar disfrutei».

En dous anos cambiou de coche tres veces, todos de segunda man, pero en bo estado, como máis lle gustan. O aprendido de rapaz no taller axúdalle a mellorar os vehículos e cando non da feito válese dos amigos ou de mecánicos profesionais. A aventura catalana rematou de súpeto, ao enfermar súa nai. «Voltei para Mondoñedo e metinme camioneiro cunha empresa de Barreiros, andaba á madeira, por aquí, por Navia e tamén ata Portugal. Gustábame e no garaxe onde tiña o xefe os camións xa ferrexaba...». De transportista botou ben anos, con distintas compañías, dende Inditex a Azkar, coa que rematou, hai pouco máis de ano e medio.

O colectivo Anda e Mira

«Aburrinme de conducir, a xente onde vas cargar quéimate moito e decidín olvidarme», conta. Entón foi cando arrendou o antigo bar Perillas, de Germán Lorigados, hoxe bar Mini, ao pé da praza da Catedral, no centro da cidade mindoniense. De pequeno axudáralle a seu curmán na taberna que montaba nas festas, «despachando cervexas e cubalibres». Agora, cando non está atendendo aos clientes disfruta dos coches, paixón que comparte coa muller, Asunción. Foi o promotor da concentración de automóbiles clásicos de Mondoñedo e é un dos impulsores do club Mira e Anda, que xa está constituído. «Queremos facer forza para que o Concello exima este tipo de coches do imposto municipal; nos seguros xa hai prezos especiais», explica. Na zona hai afección e, sobre todo, bastantes turismos antigos, «anque non moi ben conservados».

Tamén participa en rallyes , con calquera dos vehículos da súa colección: tres Volkswagen (Passat, Polo e un Golf de 27 anos), tres Seat (124, 600 e 850) e un Mini, «o máis querido, con carrocería antiga, pero de inxección». O Mini está na fachada do bar.